Ferrol acollerá o vindeiro 12 de setembro a primeira Xornada sobre Innovación e Smart Cities Aplicacións e Solucións para a Cidade do Futuro. Un foro de debate en torno ao novo modelo de xestión urbana promovido polo Concello de Ferrol e organizado por Grupo Austen, empresa da bisbarra especializada na implementación de solucións tecnolóxicas para as cidades intelixentes.
Dende as 10 horas, expertos de multinacionais punteiras no sector como Schneider Electric, Libelium ou Vodafone, así como de firmas locais como Troposfera e o propio Grupo Austen darán a coñecer, no Centro Sociocultural Novacaixagalicia, os últimos avances tecnolóxicos desenvolvidos ata a data para lograr cidades máis habitables, funcionais, enerxeticamente eficientes, saudables e participativas para o cidadán. O alcalde da cidade e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), José Manuel Rey Varela, será o encargado de inaugurar a cita ás 10,30 horas e o acceso é libre.
Coa I Xornada sobre Innovación e Smart Cities Aplicacións e Solucións para a Cidade do Futuro preténdese ofrecer un enfoque multidisciplinar sobre o camiño iniciado en España para dotar ás cidades e municipios da tecnoloxía que permitirá un desenvolvemento sustentable dos servizos ao cidadán e, para iso, en relatorios de 20 minutos de duración abordaranse solucións para smart cities no campo da iluminación pública, a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos, aparcadoiro intelixente, sistemas de calidade do aire e da auga; tecnoloxía M2M, comunicacións distribuídas; control ambiental ou eficiencia enerxética.
Na xornada participarán empresas cunha longa traxectoria e implantación mundial, que permitirán ofrecer unha visión global sobre as smart cities, e firmas da bisbarra que apostaron pola diversificación das súas áreas de negocio dando entrada á innovación. O 12 de setembro, unhas e outras pretenden converter a Ferrol en capital do debate sobre as cidades do futuro.
PROGRAMA DA XORNADA
10:00 – Recepción
10:30 – Inauguración
10:45 – Schneider Electric: Solucións para Smartcity e Smartgrid
11:15 – Grupo Austen: Integrantes dunha plataforma global de servizos smart
11:45 – Troposfera: Ferramentas para a avaliación e formación da calidade do aire
12:15 – Café
12:45 – Libelium: Plataforma global de Smart Cities – a solución Libelium
13:15 – Vodafone P. Partn.: Cidades 2.0
13:45 – Mesa redonda
14:15 – Clausura

