As pulseiras de monitorización da nosa actividade física diaria son unha tendencia emerxente que leva uns meses con bastante pulo, e tras o éxito das Fitbit Ultra e Flex anúnciase agora a Fitbit Force, unha pulseira moi delgada, que pode rexistrar a nosa actividade diaria e tamén facer un seguimento dos nosos ciclos de sono, e mesmo integra unha pequena pantalla OLED para poder acceder ás nosas estatísticas de actividade sen sacar o dispositivo do pulso.
A Fitbit Force rexistra os nosos pasos, a distancia que percorremos, as calorías que queimamos, os minutos de actividade, os pisos que subimos… e mentres durmimos pode axudarnos a saber como foi o noso descanso, contando tamén coa posibilidade de disparar alarmas silenciosas e en breve espera contar cunha opción para notificar cando recibamos unha chamada no móbil (aproveitando a conectividade sen fíos coa que conta o trebello).

A sincronización sen fíos do Fitbit Ultra realízase por Bluetooth 4.0, o que no caso de dispositivos con Android é especialmente doado por contar con NFC (o que permite que se lanza a súa aplicación móbil con só por a pulseira en contacto co teléfono); é compatible coas notificacións intelixentes de iOS 7 (a partir do iPhone 4S), e inclúe un altímetro (que aproveita para facernos saber a cantidade de andares que subimos cada día). Un completo accesorio que sae á venda por 129,95 dólares nos EE.UU. (é de esperar que en breve estea dispoñible en España por 129,95 euros, tanto na páxina web de Fitbit como a través de numerosos distribuidores).
A pulseira Fitbit Force incorpora unha pequena pantalla OLED
Compartir Este Artigo

