A nosa comunidade de tradutores do sistema operativo Ubuntu, para moitos usuarios algo máis que unha alternativa libre a Windows (descríbena como mellor que as achegas de Microsoft en case tódolos aspectos), vén de acadar un importante fito para a nosa terra en materia de programación aberta a nivel mundial. Máis polo miúdo, conseguiu situar a lingua galega no alto da clasificación internacional do devandito sistema operativo. Por detrás do inglés e por diante do castelán e o ucraíno.
Segundo se conta dende o blog O meu Ubuntinho, trátase da primeira vez que o galego se sitúa neste lugar en porcentaxe traducida do dito software (agora do 100%). Tamén nos recordan o importante labor despregado polos tradutores voluntarios que adaptan Ubuntu á nosa lingua, os membros da comunidade Trasno (que por certo segue e seguirá aberta á colaboración dos internautas galegos).
Como recordaremos, o Proxecto Trasno anunciou recentemente a nova versión en galego de Ubuntu, desta volta vez co tótem Raring Ringtail (lémur de cola anelada), e que fixo xa o número 13.04. Xa daquela situámonos no segundo posto das linguas ibéricas, por detrás só do castelán e cunha taxa de galeguización do 98%, agora xa completada.
Os tradutores galegos de Ubuntu levan a nosa lingua ao máis alto
Compartir Este Artigo
