
O proxecto inclúe cousas como o desenvolvemento do dito curso de introdución ás wikis ao servizo dos educadores. A coordinación e a xestión desta achega educativa da iniciativa foi encomendada á firma galega Tegnix por parte do CESGA, tal e como informamos en novembro. Máis polo miúdo a través do seu servizo de formación Aula Tegnix.
Agora, a firma galega informa que a actividade xa está dispoñible, en aberto e con versión galego. Asemade, inclúe un importante traballo de Antonio Gregorio e Elisardo Juncal, integrantes e promotores de Galipedia, que elaboraron a sección Comunidade para o devandito curso, traducindo estes materiais a nosa lingua e ofrecéndoo tamén de xeito gratuíto, tanto en galego como en castelán. Témolo ao alcance da man na Aula Tegnix, e en breve estará dispoñible na Aula CESGA. O temario é o seguinte:
- Introdución
- Coñecemento básico sobre wikis
- Ensinando con wikis
- Creando materiais educativos
- Comunidade
- Licenzas
- Documentos adicionais
- Ligazóns
Como lembraremos, WikiSkills ten a súa razón de ser na investigación directa do impacto das wiki na sociedade actual, “porque implican comportamentos sociais moi importantes, tales como cooperación, respecto, traballo en equipo, desenvolvemento de contidos e xestión comunitaria”. Tirando dese fío, chegamos a conceptos como comportamento cívico, inclusión social, emprego, entendemento cultural e habilidades para aprender de xeito autónomo.
WikiSkills acadaría estes obxectivos fornecendo cursos de formación en ferramentas wiki e habilidades aos grupos obxectivo. “Estes cursos proporcionarán un entendemento básico das novas tecnoloxías da información e o uso participativo de Internet”, informan os responsables do proxecto.
O grupo WikiSkills está conformado por expertos de toda Europa con longa experiencia en software libre ou aprendizaxe a distancia, como por exemplo o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Wikimedia Suecia, a Fundación Ynternet.org (entidade coordinadora) ou Die Berater, entre outros centros e entidades da contorna europea.
