O Centro Demostrador TIC acollerá os vindeiros días 11 e 13 de xuño o seminario Software libre e licenciamento que se impartirá en horario de 10:00 a 14:00 horas. O programa destas dúas xornadas inclúe, entre outros temas, a explicación do concepto de software libre, así como de terminoloxía relacionada con el (open source, fontes abertas, FLOSS…); as licenzas libres e os seus tipos; as motivacións, vantaxes e desvantaxes de liberar o software; a elección e a aplicación dunha licenza; as comunidades de software libre; ou os xeitos de gañar diñeiro con este tipo de software.
O seminario está especialmente pensado para o persoal directivo e os responsables ou técnicos de empresas TIC galegas. Os seus obxectivos principais son, por unha banda, amosar unha visión práctica sobre a liberación de software e, por outra, dar resposta ás principais preguntas ás que se enfronta quen se achega por primeira vez ao software libre, como as razóns para liberar o software, o xeito de facelo correctamente, onde atopar axuda, cando e onde liberalo ou se se poden obter beneficios co software libre.
A encargada de impartir este seminario será Mar Castro Pereiro, licenciada en Informática pola Universidade da Coruña e consultora especializada en software libre na empresa Igalia.
Ademais deste seminario sobre software libre e licenciamento, o CDTIC ten programada para os días 19 e 20 de xuño outra actividade formativa que leva por título Xestión dun proxecto de software libre na que se mostrarán as ferramentas para xestionar proxectos open source.
Un seminario amosará as vantaxes do software libre para a empresa
Compartir Este Artigo

