
As xeiras de traballo contaron coa presenza de máis de 70 persoas, cifra de participación que foi moi ben acollida polos organizadores, que salientaron positivamente o elevado interese amosado polos alumnos das dúas devanditas escolas e pola nosa comunidade docente de educación primaria, secundaria e de bacharelato. Segundo fixeron os responsables das xornadas, o profesorado inscrito acudiu coa arela de informárense polo miúdo de todas as opcións informáticas que lles ofrecen para o seu día a día os desenvolvedores de programas de código aberto.
Segundo fai saber a Universidade de Vigo (Campus de Ourense), as xornadas arrancaron este luns na aula multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio de Facultades, ata onde se desprazaron a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar García Señorán, e a directora da Escola de Enxeñaría Informática, Ana Garriga. Xunto a elas estiveron o presidente da Asociación Informática Lignux, Noel Rodríguez e a presidenta de Educere, Tania Cid.
Trala apertura, as xornadas proseguiron cun relatorio do enxeñeiro informático e experto en software libre, Óscar Fernández Carballo, director da Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña dende 2005 ata 2011, que segundo fai saber a UVigo abrangueu diferentes cuestións vinculadas ao software libre, resaltando vantaxes tales como a súa versatilidade, eficacia, posibilidade de cooperativismo, optimización de recursos, etc. Amais disto, afondou tamén na gran variedade de aplicacións de moita utilidade no eido educativo.
Para pechar o programa celebrouse na tarde do martes un obradoiro práctico de instalación e manexo de sistemas operativos e programas libres, impartido por catro especialistas na materia. Neste obradoiro afondouse principalmente naquelas aplicacións máis relacionadas co eido educativo, traballando cos materiais entregados o día antes.
Máis de 70 persoas participaron nunhas xornadas de software libre no ensino celebradas en Ourense
Compartir Este Artigo
