Unha produción documental de Xbox Entertainment Studios quixo confirmar hai meses a lenda urbana que aseguraba que millóns de cartuchos do xogo de E.T. para Atari 2.600 terían sido soterrados nun deserto de Novo México, e tras unha escavación na vila de Alamogordo conseguiron atopar centos de xogos da vella consola nas súas caixas, entre os que tamén figuraban clásicos como Centipede, Space Invaders ou Asteroids, e agora, ás portas da estrea do documental, emerxen estes refugallos como obxectos para coleccionistas, que poden adquirirse a través e eBay a prezos realmente ridículos.
Apareceu xente capaz de pagar entre 50 e 60 dólares por un cartucho de Missile Command, Warlords, Defender… e outros xogos que sen dúbida non merecen tal valoración, xa que os cartuchos remataron no lixo por algo (unha produción moi superior á súa demanda) existindo aínda moitas copias deses xogos circulando no mercado do coleccionismo e a segunda man. Dá a impresión de que a xente non está interesada nos cartuchos en si, senón no feito de que sexan un recordo da confirmación da lenda urbana confirmada. Iso explicaría que no caso dos cartuchos de E.T. as poxas acaden cantidades realmente absurdas, de xeito que o xogo valoraríase entre 200 e 500 dólares. Queda agora por ver se estas ofertas son verídicas ou trátase de simples bromas.
Sobre o documental que levou ao descubrimento dos cartuchos no deserto, Microsoft confirmou que Atari: Game Over vai estrearse en exclusiva para Xbox o vindeiro 20 de novembro, sendo esta produción audiovisual totalmente de balde para os usuarios de Xbox LIVE (tanto Silver como Gold).
Trailer de Atari: Game Over
