Continúa a carreira dos fabricantes pola fabricación do smartphone máis delgado do mercado, como un factor para destacar (pois non está claro que sexa unha vantaxe significativa, especialmente se afecta negativamente á autonomía) e tras os 4,85 milímetros de grosor do Oppo R5, chega un fabricante chinés menos coñecido, Vivo, e presenta o seu Vivo X5 Max, que cun grosor de 4,75 milímetros converteríase no smartphone máis delgado do mercado. O novo terminal mediría 153,9 x 78 x 4,75 milímetros, e viría a ser unha versión estilizada do Vivo X5 (que tiña un grosor de 6,3 milímetros).
O Vivo X5 Max é un móbil 4G cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador de 8 núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 128 Gb), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles e Android 4.4.4.
Polo momento non se coñece a data de lanzamento deste terminal, que sorprende polas súas elevadas prestacións nun corpo tan delgado, aínda que non é de agardar que sexa doado de conseguir fóra do mercado chinés, como acontece con moitos outros fabricantes pouco coñecidos.
Un novo smartphone sorprende por ter un grosor de só 4,75 milímetros
Compartir Este Artigo

