O movemento Maker está a ser toda unha revolución, xa que a tecnoloxía actual está a democratizar a creación aplicando os principios do software libre á fabricación. Deste xeito naceron espazos creativos compartidos (FabLabs, HackerSpaces, MakerSpaces e espazos de coworking) favorecendo intercambios de coñecemento e información xurdida destas comunidades profesionais que ven como ferramentas de uso cotián as placas Arduino, as impresoras 3D, as cortadoras láser… e para dar visibilidade a todo este universo creativo existen eventos como a Maker Faire, serie de eventos nacida en California en 2006 e que na última edición anual conseguiu xuntar a máis de 1.100 makers e máis de 130.000 asistentes, mentres que a World Maker Faire de New York, con só 3 anos de vida, consegue xa xuntar a máis de 600 makers e 80.000 asistentes.
Este tipo de encontros existen agora tamén en cidades como Detroit, Kansas, Atlanta, Milwaukee, Orlando, Silver Spring, París, Roma, Oslo, Trondheim, Tokio, Newcastle e Shenzhen, no que dan en chamar featured Maker Faires, ás que se suman tamén unhas 120 comunidades locais organizando de xeito independente as Mini Maker Faires, que finalmente chegarán a Galicia, xa que o vindeiro 17 de outubro celebrarase a primeira edición de Compostela Mini Maker Faire.
Este evento está a ser organizado por Chus Prol, Luisa Candedo, Enrique Saavedra e Marcos Saavedra, xunto con outros colaborares, e elixiron como localización para a celebración deste encontro de inventores e creadores o centro comercial Área Central.
A Compostela Mini Maker Faire está actualmente aberta á recepción de proxectos para integrarse no evento, así como a incorporación de patrocinadores que desexen axudar a facer posible a feira.
Compostela celebrará a primeira feira Maker de Galicia no outono
Compartir Este Artigo
