Tras o fenómeno que supuxo a venda masiva de películas e series de televisión en DVD, formato que conseguiu vulgarizar a compra de contidos audiovisuais, a chegada dos discos Blu-ray supuxo toda unha decepción para a industria, xa que non conseguiu recuperar o nivel de vendas que foi caendo nos últimos anos pese a ofrecer unha grande calidade de imaxe, o que fixo que se entendese que estabamos ante o derradeiro soporte físico audiovisual que chegaría a comercializarse, pasando ao relevo aos formatos en liña, de aí que nos sorprenda que a Blu-ray Disc Association (BDA) anunciase que pechou a especificación Ultra HD Blu-ray e presentase o seu logotipo, asegurando que no verán comezaremos a ver produtos para o mercado doméstico con contidos en ultra alta definición.
Deste xeito pasariamos de discos Blu-ray de 25 ou 50 GB con vídeo de ata 1.920 x 1.080 píxeles a contar con discos de 66 ou 100 GB (dobre ou tripla capa respectivamente) que almacenarían vídeo de ata 3.840 x 2.160 píxeles, ou sexa, ultra alta definición (tamén chamada 4K en moitas ocasións). Este novo formato tamén facilitaría a reprodución de contidos el alto rango dinámico (HDR) que algúns fabricantes consideran que ten un impacto visual máis acusado que o da ultra alta definición.
Estes novos discos responderían á cada vez maior presenza de televisores de ultra alta definición no mercado, que carecen de contidos que reproducir en soporte físico e incluso ten poucos contidos en liña (que en moitos casos non poden reproducirse por ser preciso gozar de accesos á Rede moi rápidos), pero non parece moi probable que teñan unhas vendas masivas, xa que a calidade que achegan os discos Blu-ray xa resulta difícil de apreciar para moitos consumidores (conformes coa calidade que ofrece o DVD), e para poder gozar realmente da ultra alta definición sería preciso de contar con televisores de moi grande tamaño, que tampouco son habituais. Cómpre lembrar que a resolución 4K é a do cine dixital, polo que o novo formato tería realmente calidade de cine, que incluso superaría á meirande parte das proxeccións actuais, xa que boa parta das salas cinematográficas aínda están limitadas a unha resolución de 2K.
No verán teremos discos Blu-ray de ultra alta definición
Compartir Este Artigo
