O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) vén de encetar dende o seu centro de operacións (a Facultade de Informática da Coruña) unha nova liña de traballo divulgativo que serve para conmemorar os seus 17 anos de traballo (traballo incansable promovendo e reivindicando un xeito de facer informática e coñecemento con total accesibilidade para todas e todos). A nova liña de traballo é, en certa maneira, un repaso documental polo acontecido no Grupo ao longo da súa andaina. Ten formato de “pequena webserie”, sinalan dende GPUL, e inclúe entrevistas sobre a historia da asociación.
O obxectivo, amais de celebrar o aniversario, é tirar partido das experiencias xeradas nestes anos a través a través de encontros e eventos nos que participou todo tipo de xente disposta a compartir coñecemento con GPUL e os seus seareiros, dende socios do Grupo a alumnos da Facultade de Informática, pasando por expertos en software libre, profesionais e desenvolvedores. Trátase pois dun achegamento a un anaco importante da historia da programación aberta en Galicia.
Segundo informan dende GPUL, os capítulos serán publicados cada venres, contándose arestora con dúas entregas. Nelas lévasenos da man ás orixes do Grupo, fundado en 1998, cunha Internet que ía chegando amodo, cunhas capacidades para a transmisión de datos “irrisorias” comparadas coas que temos a día de hoxe e cuns seareiros do software libre procedentes dunha serie de LUG (Linux Users Groups) diferentes que naceron naquela época e que decidiron ir xuntando forzas no que finalmente coñecementos como GPUL. Boa parte deste traballo documental xa dispoñible foi realizado por Brân González Patiño, quen tivo a idea “de transformar estas poeirentas gravacións nunha serie documental, dotándoa do ritmo axeitado e da necesaria perspectiva para que non ficara só nun elemento de saudade para nós”, sinalan dende a asociación emprazada na FIC.
O GPUL achega unha webserie documental para celebrar os seus 17 anos de traballo
Compartir Este Artigo
