
“Por cada euro que se inviste en software privativo en Europa”, dixo a relatora, “o 85% vaise fóra da nosa contorna”. Isto non acontece cos programas abertos, explicou, onde practicamente a totalidade do investimento que se fai bota raizames na contorna xeográfica onde se leva a cabo.
A relatora, xa nun plano máis concreto, fixo un percorrido por exemplos específicos de programas abertos de éxito (e repercutindo positivamente nos usuarios e nas sociedade), algúns ben coñecidos e notoriamente catalogados como software libre (Android, Ubuntu, LibreOffice ou Firefox) e outros casos máis puntuais ou acabados de chegar de mans de firmas tradicionalmente alleas ao sector (por exemplo Apple, que vén de liberar o código de Swift 2.0, ou Microsoft, que ceibou a linguaxe de Framework.net).
Mar Castro tamén fixo mención dos recentes estudos do observatorio OSIMGA (AMTEGA), nos que se reflicte a tendencia das empresas a usar cada vez máis programas de código aberto, xa moi por diante das ferramentas privativas. Na investigación, sinalou, amósase que por primeira vez na historia, o uso deste tipo de ferramentas nas empresas de todos os sectores equipárase ao nivel de implantación das mesmas no sector TIC galego, sendo a taxa de afianzamento do open source do 84,7%. Ademais, dixo, “oito de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre, o que supón un crecemento de 10,6 puntos porcentuais respecto ao ano anterior”.
Sobre as vantaxes da programación aberta, Mar Castro enumerou as seguintes: independencia do fabricante de software, aforro de custes, respecto aos estándares abertos, desenvolvemento do sector TIC local (o código dispoñible favorece a localización de provedores, a marxe de desenvolvemento e de actividade comercial e empresarial).
Mar Castro e Luis Alberto Fernández remataron a sesión inaugural coincidindo en animar ás administracións públicas a investir máis en código aberto, contribuíndo a xerar riqueza a todos os niveis (coas liberacións, cos novos usos, coa re-inversión, co apoio orzamentario directo aos novos desenvolvementos), non só o aforro (moi conveniente por outra banda en tempos de crise, aínda que tamén en tempos de bonanza) para as propias administracións.

O punto de vista moral e legal achegouno Javier de la Cueva no evento de AGASOL, experto no dereito no ámbito electrónico e de protección de datos, quen lembrou as moitas posibilidades que ten hoxe en día o usuario da Rede de ser espiado a raíz das informacións que consulta ou achega. Tamén falou do negocio con datos e do proceso imparable de crecemento do Big Data, un fenómeno para o que semella non haber límite e que de feito consiste (cada vez máis) en reflectir e rexistrar (sobre todo de man das grandes empresas) non só datos da nosa privada, senón información detallada sobre como nos comportamos diante dunha determinada máquina. “O fenómeno Big Data”, dixo, “estase a facer xa de calquera operación ou actividade que levemos a cabo coas novas tecnoloxías dixitais”.
O resto do programa
Polo que atinxe ao resto de relatorios, sinalar que logo da pausa para o café (arredor das 12.30) está previsto que os responsables directos de OpenRov amosen os seus detalles e funcionalidades. Trátase, como lembraremos, dun robot subacuático económico e de código aberto para exploración e educación. Ademais, OpenRov designa unha comunidade de exploradores oceánicos profesionais e afeccionados, e de apaixonados pola tecnoloxía con sede en California e con delegación en España.
Xa pola tarde, os impulsores de iCarto explicarán o seu desenvolvemento de sistemas de información xeográfica mediante SIX, empregados hoxe por exemplo por Enxeñeiros sen Fronteiras para a localización de auga. Anubia, que ofrece solucións na nube, falará dos beneficios da implantación dun ERP de código aberto para negocios a través dun desenvolvemento propio e adaptado.
Pechará o evento Juan Freire, falando de futuros, proxectos e novos equipos de profesionais para que os devanditos proxectos sexan unha realidade.
Os relatores da xornada (r)evoLuƧión convidan ás administracións a intensificar a súa aposta polo software libre
Compartir Este Artigo
