O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, PALEXCO, será por terceiro ano consecutivo a sede da feira multidisciplinar Hobbycon entre os días 9 e 12 de xullo, e mentres se aproxima o evento van debullando os contidos deste encontro no que a banda deseñada, a animación, os xogos de mesa, o cosplay e os videoxogos teñen un lugar de seu, facilitando que os afeccionados a este tipo de oferta de lecer alternativo poidan participar en numerosas actividades, obradoiros, charlas e torneos durante catro intensos días.
Polo momento xa se confirmou a participación do profesional da maquillaxe de efectos especiais Alberto Hortas de 4ojos Estudio, do ilustrador Miguelanxo Prado, das cosplayers Thélema Therion e Phoenix Cosplay, dos provocadores V de Vombilla e do escritor da primeira novela steampunk galega Manuel Moledo; e no que respecta ao mundo dos videoxogos tamén está anunciado que o evento acollerá un Torno Oficial EA Sports do xogo FIFA 15 para Xbox One e un Torno Oficial de Street Fighter IV.
Como reclamo adicional temos que, ao igual que na edición do ano pasado puido verse unha demostración de Oculus VR, nesta ocasión estará dispoñible un set de Oculus Rift Development Kit 2 que permitirá que os visitantes poidan gozar dunha experiencia de realidade virtual na que visitar a Batcova, achega máis que interesante para poder catar en primeira persoa unha tecnoloxía que promete emerxer con forza na primeira metade de 2016.
Os videoxogos e a realidade virtual serán importantes reclamos para a 3ª edición de Hobbycon
Compartir Este Artigo
