O kit de desenvolvemento de Oculus Rift renovarase no verán

mércores, 19 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Aínda que Sony sorprendese hoxe presentando a súa solución de realidade virtual para PlayStation 4 durante a GDC, outro proxecto semellante moito máis coñecido polo público, Oculus Rift, tamén aproveitou a xuntanza de desenvolvedores de videoxogos para presentar a nova xeración do kit de desenvolvemento para a súa tecnoloxía de realidade virtual, abrindo xa o proceso de reserva para o Oculus Rift Development Kit 2 a un prezo de 350 dólares.
Este proxecto nacera en Kickstarter cun kit de desenvolvemento que deu a volta ao mundo pese a ser un produto bastante limitado, para permitir que as compañías de videoxogos fosen descubrindo o que poderían facer con esta tecnoloxía ata que puidesen conseguir un produto apto para a súa comercialización masiva, e parece que con este novo kit estase moi preto do que sería o Oculus Rift definitivo, ao conseguirse un seguimento da posición da cabeza de baixa latencia e grande precisión e unha pantalla de alta definición e baixa persistencia que podería achegar unha experiencia de xogo extraordinariamente inmersiva.
Dende Oculus VR aseguran que este novo kit non será idéntico ao produto final, pero coincidirá nos seus elementos principais, de xeito que todo o contido que se desenvolva para este kit poderá funcionar no dispositivo comercial. Desta volta destaca que integren no sistema de visión estereoscópica unha pantalla OLED que elimina os desenfoques (o que contribuirá a que o sistema non maree) e as imaxes recibidas poderán ter moitos detalles (xa que destinará 960 x 1.080 píxeles para cada ollo, como fai tamén a solución de Sony para PS4). Actualizouse practicamente toda a tecnoloxía con respecto ao anterior kit, conseguindo eliminar a caixa de control, redeseñando o SDK e conseguindo unha mellor integración con Unity e Unreal Engine 4.
As primeiras unidades deste kit de desenvolvemento comezarán a remitirse aos que as reserven no mes de xullo, non existindo polo momento data estimada de cando esta tecnoloxía chegará ao consumidor final, para o que pretenden mellorar a comodidade e as prestacións técnicas deste dispositivo para conseguir a mellor experiencia xeral posible.


Vídeo de presentación do Oculus Rift Development Kit 2

PUBLICIDADE