O centro tecnolóxico CiTIUS da USC acolleu hoxe a presentación da segunda convocatoria de Galicia Open Future, centro de emprendemento tecnolóxico-dixital emprazado na Cidade da Cultura en Santiago e impulsado por Telefónica. Á cita acudiron arredor de dúas ducias de beneficiarios potenciais da palestra tecnolóxica de crowdworking (emprendedores, estudantes e profesionais cun proxecto TIC entre mans, bosquexado ou en fase xa de desenvolvemento), e os detalles da nova edición foron achegados por María del Carmen López, directora de Galicia Open Future, e máis Paloma Barreiro, directora do proxecto en Grupo Barrabés.
As dúas relatoras lembraron que aínda se poden presentar candidaturas (ata o 15 de xullo) e que na Rede atópase o formulario a cumprimentar. Unha vez rematada a preselección inicial, daranse a coñecer os nomes dos 50 proxectos escolmados.
O centro galego de crowdworking, engadiron, achégalles a posibilidade de conectar con emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas a nivel mundial. De feito, por iso se coñece como centro de crowdworking, porque vai máis alá de permitir un ambiente de traballo colectivo: subministra a posibilidade real de traballar con multitudes e, deste xeito, afinar a puntería nunha demanda de información ou colaboración concreta ao tempo que se prepara aos emprendedores o camiño da internacionalización.
Logo dun repaso polos froitos acadados na primeira edición de GOF (co impulso de proxectos tan salientables como Monet Tecnología e Innovación, Situm Technologies e Appentra Solutions, todas elas as startups gañadoras do I Galicia Open Future), lembrouse que o programa ten unha duración inicial de seis meses -prorrogables en períodos de 3 meses-, durante a cal os emprendedores reciben formación e adestramento especializado, adaptado ás súas diferentes fases de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e relacionado co seu modelo de negocio. A maiores, informaron que a palestra habilitada no Gaiás (Santiago) posibilita o contacto con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica (no que se integra Galicia Open Future).
Tamén destacaron as relatoras que superada a primeira fase de formación (que inclúen 2.000 euros de apoio a cada proxecto da man da Axencia Galega de Innovación), e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará os tres mellores de todos os escolmados. Recibirán unha achega, nese caso, de ata 25.000 euros da devandita axencia, que deberá destinarse ao desenvolvemento da propia iniciativa. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.
Na presentación celebrada no CiTIUS, as responsables do centro de crowdworking de Telefónica falaron tamén de como se traballa cos proxectos que chegan a Galicia Open Future, o diferente tratamento que precisa cada un deles: dende os proxectos que só chegan propostos cun Power Point ata aqueles que xa irrompen nun relativamente avanzado estado de desenvolvemento. Tamén lembraron que de xeito paralelo á iniciativa lévanse a cabo obradoiros abertos para fornecer recursos (tamén) a quen non estea integrado en GOF. Neste senso, lembraron que o ano pasado houbo medio cento de accións desta índole, que se complementaron con visitas de comerciais e representantes dunha chea de empresas españolas e internacionais.
Preséntase no CiTIUS a segunda edición de Galicia Open Future ante dúas ducias de emprendedores
Compartir Este Artigo
