A tecnoloxía para facer cada vez máis pequenos os procesadores informáticos ten como grande atranco o propio tamaño dos átomos, polo que está a chegarse a un nivel no que cada pequeno avance na redución de tamaño supón un esforzo moi importante, pero que compensa a moitos niveis, xa que non só se mellora a potencia dos sistemas, senón que tamén pode reducirse o seu consumo (algo de grande peso no actual contorno móbil).
Aínda que os procesadores comerciais actuais aínda corresponden á xeración dos 14 nanómetros, a industria está a traballar na transición aos 10 nanómetros, prevista para o ano que vén, pero dende IBM xa anuncian que foron quen de desenvolver procesadores con tecnoloxía de 7 nanómetros, que aínda están en fase de investigación, pero que resultan moi prometedores. Para conseguir tal, en vez de empregar silicio puro fan uso dunha aliaxe de silicio con xermanio en zonas chave nos que cambia o tamaño molecular.
Este importante avance é froito dun traballo de IBM nun consorcio público-privado no que tamén participan o Estado de New York, GlobalFoundries, Samsung e vendedores de equipamento, contando cun investimento de 3.000 millóns de dólares que parecen ter sido bastante ben empregados, xa que facilitarían que puidese continuar a medrar a escala de integración dos microprocesadores cando menos ata 2018.
IBM anuncia que conseguiron fabricar procesadores con tecnoloxía de 7 nanómetros
Compartir Este Artigo
