Estes días estase a presentar no ámbito estatal o portal Demandamos.es, unha plataforma que nos permite entre outras cousas presentarmos demandas colaborativas e financiarmos accións xudiciais mediante técnicas de crowdfunding (micromecenado de pequenos produtores ou investidores a través da Rede). A ferramenta, que se inspira en parte en modelos xa postos en marcha nos países anglosaxóns (onde existen precedentes de ferramentas web que aplican aos servizos xurídicos os principios do consumo colaborativo, moi impulsado nos últimos tempos a través da redes e as comunidades 2.0), é ante ante todo unha ferramenta destinada a compartir procedementos (para facelos viables) e optimizar recursos a través da Internet. Asemade, encamíñase a superar toda a ringleira de atrancos que separa a Xustiza española das accións de tipo colectivo.
Segundo fan saber os responsables do portal, o consumo legal colaborativo (ou avogacía colaborativa) ten múltiples aplicacións que a startup Demandamos “está disposta a explorar”.
A súa principal liña de acción fíxase no Dereito de Consumo. Por exemplo: facendo fronte común contra grandes empresas que cometen fraudes e que por costume desbotan calquera tipo de procedemento xudicial que se poida abrir contra elas por medo a que os posibles custes sexan maiores có importe reclamado. Neste senso, a plataforma colaborativa Demandamos pretende agrupar esas reclamacións individuais para compartir procesos xudiciais, o que permite reducir os custos (procurador, avogado, perito, etc.).
Por outra banda, engaden os creadores do portal, posibilítase que os demandantes conformen “unha caixa de resistencia”, de xeito que non só financien honorarios para profesionais, senón que tamén cobren un posible risco de condena en costas.
En definitiva, apuntan, “con Demandamos os consumidores poden autoorganizarse, xa que as TIC permiten eliminar intermediarios, fornecendo a aqueles asesoramento sobre como constituírense legalmente como grupos de afectados e un servizo integral de defensa xurídica”.
Demandamos.es permite financiar accións xudiciais mediante crowdfunding
Compartir Este Artigo
