Microsoft vén de presentar os seus resultados económicos para o pasado trimestre fiscal (que rematou o 30 de xuño) rexistrando unhas importantes perdas como consecuencia da absorción de Nokia e padecendo a caída de ingresos en licenzas propia dos meses anteriores ao lanzamento dun novo sistema operativo, polo que poderiamos estar ante o punto de inflexión da compañía que para o resto do ano podería amosar uns resultados radicalmente opostos.
Temos que mentres no mesmo período do ano pasado a compañía tiña un resultado neto de 4.612 millóns de dólares, este ano presenta unhas perdas de 3.195 millóns de dólares, consecuencia de trasladar ás contas o impacto de 7.500 millóns de dólares relativos á compra da división de móbiles de Nokia, xunto aos gastos que está a provocar a reestruturación da compañía tras tal operación (nas últimas semanas puidemos ver como Microsoft se desprendeu de boa parte do persoal asumido da compañía finlandesa), de xeito que, se deixásemos a un lado o impacto da compra de Nokia o resulta trimestral de Microsoft reflectiría uns beneficios de 6.400 millóns de dólares.
Tamén era de agardar unha caída de ingresos por licenzas debido aos numerosos usuarios que están a agardar a Windows 10 para renovar os seus equipos, de xeito que os ingresos por este concepto caeron un 34%, despois de que as vendas de Windows caeran un 22%, as de Office un 42% e as de Windows Phone un 68%. En contraste, o negocio de ordenadores e consolas de videoxogos facturou un 44% máis, grazas ao crecemento dun 10% de Xbox e do 117% de Surface, mentres que a área móbil caeu un 38%. Dá a impresión de que estes puntos fortes de Microsoft van reforzarse aínda máis nos vindeiros meses, con rumores de que tras o lanzamento de Windows 10 poderiamos ter unha presentación da Surface Pro 4, e prevendo unhas fortes vendas da Xbox One de cara á campaña de Nadal (por ser a consola co mellor catálogo de títulos exclusivos durante a segunda metade do ano).
Pese ao balance trimestral negativo, se imos a un cómputo anual temos que Microsoft consegue manter os números negros, cun resultado neto de 12.193 millóns de dólares.
A absorción de Nokia leva a Microsoft a rexistrar perdas no seu último trimestre
Compartir Este Artigo
