Parece que o retorno da franquía de Star Wars aos cines vai traer máis dun beneficio aos afeccionados aos videoxogos, como poder gozar dun novo Star Wars Battlefront en novembro ou poder adquirir títulos clásicos de LucasArts en formato descargable e preparados para correr nun PC moderno, senón que parece que algún vello xogo para PC, Mac e Linux tamén está a recibir soporte, como é o caso de STAR WARS: Knight of the Old Republic II – The Sith Lords, que pese a datar de finais de 2004, vén de recibir unha actualización en Steam.
Este vello xogo, considerado xa un clásico, corrixe varios dos seus erros, incorpora a gravación de partidas en Steam Cloud, engade 37 logros desbloqueables, engade o soporte de Steam Workshop (para facilitar a creación de mods), incorpora o soporte para os mandos máis populares do mercado (incluíndo os das consolas Xbox e PlayStation) e, especialmente, experimenta unha actualización gráfica moi importante, que permite que o xogo poida adaptarse a pantalla panorámicas en resolución nativa (permitindo dicir adeus á vella resolución de 800 x 600 píxeles) e incluso pode funcionar en resolucións 4K e 5K. Sen dúbida unha excelente desculpa para dar unha nova oportunidade a un dos xogos máis emblemáticos do universo de Star Wars.
Que un xogo con tantos anos reciba soporte é toda unha sorpresa e curiosamente en vez de vir dos desenvolvedores orixinais do xogo (Obsidian Entertainment) chega de Aspyr, compañía especializada en crear ports de xogos a outras plataformas, que estaría a colaborar con Disney Interactive.
O clásico Knights of the Old Republic II actualízase
Compartir Este Artigo
