A compañía especializada en seguridade de dispositivos móbiles Zimperium está a dar conta dun fallo de seguridade en Android, que permite a vulneración dos smartphones cunha simple mensaxe de texto, o que pode lembrarnos a un fallo detectado nos iPhone hai pouco, pero que neste caso sería bastante máis grave pola complicada estrutura de actualizacións que ten Android e polo feito de que este fallo de seguridade afectaría aos terminais incluso antes de que se escoitase o son de recepción de mensaxes, o que permitiría que incluso infectase de xeito silencioso a numerosos dispositivos.
Ao parecer, os usuarios que teñen configurada a aplicación de Hangouts serían máis vulnerables a este ataque que os que usan a aplicación de mensaxes básica (xa que neste último caso habería que abrir activamente a mensaxe atacante para verse afectado, mentres que na outra situación a infección sería automatica) e, aínda que resulta que xa atoparon solución para a vulnerabilidade, resulta que moi poucos dispositivos están a recibila e incluso estiman que apenas un 20 dos smartphones recibirán as actualizacións correspondentes, o que deixaría un impresionante parque de teléfonos vulnerables en activo.
Dende Google aseguran que desenvolveron os parches para corrixir esta vulnerabilidade a grande velocidade e transmitiron as instrucións para aplicalos aos seus socios, de xeito que calquera dispositivo podería protexerse, pero é responsabilidade deles a súa adaptación e distribución. De todos os xeitos consideran bastante difícil que poida aproveitarse este tipo de vulnerabilidade na práctica, dada a diversidade de tecnoloxías integradas en cada terminal, así como a arquitectura de aplicacións que as illan para protexer os datos dos usuarios e de outras aplicacións no dispositivo.
Unha mensaxe de texto podería servir para vulnerar a seguridade de moitos smartphones con Android
Compartir Este Artigo
