Levamos anos vendo como pouco a pouco os discos duros ían deixando espazo para as unidades SSD, moito máis rápidas e, no caso de equipos portátiles, con menor consumo e maior fiabilidade (por carecer de partes móbiles), pero esta tecnoloxía parece que xa vai ter sucesora, pois Intel e Micron anunciaron hoxe o inicio da produción da primeira clase de memoria non volátil creada en máis de 25 anos, coñecida como 3D XPoint e que promete velocidades ata 1.000 veces superior que as memorias NAND (as máis populares na actualidade) e unha densidade 10 veces superior á das memorias convencionais.
3D XPoint atendería á demanda cada vez máis elevada de memorias de grande velocidade (especialmente por mor dos contidos de ultra alta definición) e incluso cun prezo asumible, o que conseguen adoptando unha revolucionaria arquitectura de celas tridimensionais sen transistores, que facilitan o acceso individual ás celas, permitindo a lectura e escritura de cantidades de información moi pequenas, o que leva a unhas operacións máis áxiles e uns procesos de lectura/escritura máis eficientes.
Intel e Micron non só aseguran que estas novas memorias reducirán o espazo necesario para almacenar grandes cantidades de información, e permitirán un acceso máis rápido, senón que tamén aseguran que o proceso de lectura/escritura é menos agresivo que con outras tecnoloxías actuais, de xeito que conseguiría tamén unidades de memoria máis duradeiras. Unha serie de vantaxes que claramente levarán a que esta tecnoloxía poida imporse no mercado, aínda que falta por ver cando se materializará en produtos comerciais e se os seus prezos son tan atractivos como prometen. Polo momento só detallan que antes de rematar o ano varios fabricantes recibirán mostras desta tecnoloxía, polo que non é de agardar que podamos ver ningún produto real con 3D XProint ata o ano que vén.
Vídeo de presentación da tecnoloxía 3D XPoint
3D XPoint, a tecnoloxía de almacenamento do futuro que chega da man de Intel e Micron
Compartir Este Artigo
