En vista do importante crecemento do vídeo na Rede relativo ao mundo dos videoxogos, que converteu a un servizo relativamente novo como Twitch nunha empresa multi-millonaria (Amazon pagou 970 millóns de dólares pola compañía), YouTube tivo que reaccionar, para manter o seu peso no sector do vídeo a través da Internet, e finalmente hoxe estreou YouTube Gaming, unha sección do seu servizo destinada ao contidos de videoxogos e a súa cultura asociada, na que poderemos atopar tanto vídeos pre-gravados como retransmisións en vivo.
YouTube Gaming bota a andar cunha completa selección de contidos, con máis de 25.000 páxinas de xogos e numerosas canles sobre o lecer electrónico, facendo moi doado conectar coa comunidade de xogadores, e para facilitar a transmisión de vídeo en directo xa contan cun servizo de streaming en probas que demostrou ser bastante eficiente, polo que é moi posible que nos vindeiro meses póñalle as cousas bastante complicadas a Twitch.
Polo momento YouTube Gaming está accesible en inglés vía web dende calquera país, e a través de aplicacións móbiles para Android e para iOS en EE.UU. e Reino Unido (darán o salto a outros países en breve), deixando claro que estamos ante un servizo que só está a dar os seus primeiros pasos, e que promete ser un importante revulsivo para YouTube e os videoxogos en liña.
Vídeo de presentación de YouTube Gaming
