Seguen adiante as probas e experiencias para a consecución dun OpenROV (dron submarino galego con compoñentes de licenza aberta) impulsadas por Xeopesca. Segundo nos conta dende esta plataforma libre Pablo Belay, durante esta semana realizáronse unha serie de importantes avances nos testeos do vehículo. Así, o pasado martes levouse a cabo unha proba en contorna de piscina “con resultado satisfactorio”. Para quen queira vela, ten un vídeo sobre a experiencia á súa disposición.
Días despois, o sábado 12 de setembro o colectivo mergullado na construción do OpenROV acudiu ao encontro de makers do vermisLab para compartir experiencias e amosar o dispositivo construído. Este, por certo, foi ensamblado o sábado 5 de setembro na Estrada ao abeiro do HackLab de Montaxe dun OpenROV organizado por Xeopesca.
Pola tarde, ás 15.30 horas, o colectivo achegouse á praia fluvial do río Liñares, no dito concello pontevedrés, onde se levaron a cabo as primeiras probas acuáticas do robot nunha contorna natural. Segundo informa Xeopesca, participaron seis socias e socios da comunidade, “levando a botadura con éxito do funcionamento no medio acuático”. Nas vindeiras semanas continuarán realizando experiencias en diferentes lugares como piscinas e praias.
Esta actividade, como lembraremos, forma parte das iniciativas que a asociación Xeopesca desenvolve no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia
No que atinxe ao concepto de OpenROV, Pablo Belay lembrounos as semanas pasadas que se trata dun dron submarino que forma parte dunha nova tendencia chamada DIY (Do it your self, ou sexa Faino ti mesmo) que se basea no emprego de compoñentes de licenza aberta. Recordounos tamén que un ROV é, polas súas siglas, un Remotely Operated Vehicle, ou sexa, un vehículo submarino controlado a distancia cuxa primeira feitura foi creada por dous amigos californianos, Eric Stackpole e David Lang, que tiraron proveito de Kickstarter para sacar adiante o seu proxecto de dispositivo. Este, máis en detalle, pódese manexar dende un PC portátil e inclúe unha cámara HD e unha tecnoloxía que lle permite chegar a cen metros de profundidade.
O OpenROV (Open Source Remote Operated Vehicle), pola súa banda, é unha idea colectiva dunha comunidade de usuarios e desenvolvedores de robots teleguiados con tecnoloxías abertas. Segundo engade Pablo, os planos do aparello, as instrucións, así como o software baseado en GNU/Linux, están dispoñibles de balde para descargalos no sitiowiki do proxecto.
Botado na Estrada o OpenROV impulsado polo colectivo Xeopesca
Compartir Este Artigo
