O vindeiro 21 de outubro a Cidade da Cultura acollerá a V edición das Xornadas sobre informática xudicial peritaxe técnico e proba electrónica, que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa AMTEGA.
Esta actividade divulgativa busca informar e concienciar aos xuristas que prestan o seu servizo en Galicia dos avances tecnolóxicos en materia probatoria. Os interesados en participar poden formalizar a súa inscrición ata o luns 19 a través da súa páxina web.
O desenvolvemento dos dispositivos electrónicos móbiles, as redes de comunicación e outras ferramentas informáticas abriron un amplo abano de posibilidades para as relacións sociais e comerciais pero tamén posibles riscos, moitas veces descoñecidos, dos que os usuarios non foron advertidos. Esta evolución, xunto cos cambios normativos que a acompañan, fai preciso difundir entre o Poder Xudicial e os xuristas en xeral a nova realidade tecnolóxica e as novas ferramentas coas que contan estes profesionais para facela valer a Lei e aplicala a cada caso concreto.
Amplo programa con prestixiosos expertos
Nesta V Xornada sobre informática xudicial, os xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, terán a oportunidade de coñecer a opinión dos expertos nesta materia máis importantes do noso país, a través dos distintos relatorios organizados polo CPETIG, baixo a dirección técnica do especialista Víctor Salgado.
A xornada comezará co relatorio Os retos xurídicos da ciberseguirdade, do letrado das Cortes, Pablo García Mexía, autor de A Lei na Rede de ABC. O segundo relatorio correrá a cargo do maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, quen disertará sobre A validez da proba electrónica en sede xudicial. Luis Jiménez, subdirector xeral do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) disertará sobre A ciberdefensa e a protección das infraestruturas críticas no século XXI. A xornada da mañá pecharase cunha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, sobre O difícil equilibrio entre a liberdade e a seguridade en Internet.
Xa pola tarde, Juan Luis Rambla, consultor de Seguridade e Sistemas, pronunciará o relatorio Os hackers e o desafío á seguridade informática. Deseguido intervirá o fiscal do Servizo de Criminalidade Informática da Fiscalía Xeral do Estado, Jorge Bermúdez, quen falará sobre Os kackers son de Marte e os xuíces de Venus. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre Hackers: ¿ameaza ou garantes da seguridade na Rede?.

