
David Alonso, presidente de ASOLIF, lembrou algunhas das moitas vantaxes e potencialidades do software libre e as empresas que o representan e o impulsan, un ámbito, o da tecnoloxía sen cancelas, que está a demostrar que medra máis rápido que calquera outro sector TIC. Fixo fincapé, tamén, nas posibilidades que se abren para tirar abaixo muros de traballo. En base a isto, avogou por non aceptar posibles atrancos á innovación aberta, tentativas para monopolizar as autoestradas da información que non farían máis que prexudicarnos a todas e todos.
Pola súa banda, Maite Agujetas (Grupo Santander), recordou que para a corporación financeira que representa, os termos open source e os modelos abertos de tecnoloxía son palabras clave, piares do futuro que se aveciña e recursos fundamentais para colaborarmos e entrar en conexión con conceptos importantes e innovadores xeitos de traballar. Sinalou que o Grupo Santander aposta dende hai tempo co software libre, pero “tamén é certo que estamos comezando”, que “o camiño é moi longo”, e que aínda nos quedan moitos camiños por descubrir e “moitas cousas por aprender relativas ao código aberto”.
Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) sinalou no acto de apertura da segunda edición galega de LibreCon (e a quinta da súa historia) que “Galicia ten unha ampla e antiga relación co ámbito do software libre”. Ao fío disto, fixo un percorrido por algúns dos fitos principais da Administración autonómica no eido da tecnoloxía aberta, promocionándoa, apostando pola súa integración en espazos públicos (ensino, administración) e colaborando con asociacións e entidades diversas para dar a coñecer as vantaxes do software libre. “O software libre”, dixo, “está integramente presente no proceso de modernización e dixitalización educativa de Galicia, co programa Abalar, e tamén abrangue a renovación e optimización dos sistemas administrativos e tecnolóxicos da Xunta”. Segundo fixo saber, o 85% das empresas galegas emprega programas de código aberto, cousa que se complementa, engadiu, “co importante labor de divulgación e emprendemento open source que leva a cabo o Centro Demostrador TIC” que é o escaparate de boa parte dos nosos desenvolvementos abertos.
No acto de apertura tamén participou Jorge Duarte, do Concello de Santiago, quen recordou “o importante que é o software libre para o Goberno compostelán”. Fixo saber que dende o Concello se están a sentar as bases dunha migración ao código aberto relativa á integridade dos equipos informáticos da administración local. Ademais, informou que o Goberno compostelán que representa participa plenamente dos piares que por tradición sosteñen o ideario do software libre: apertura, transparencia, colaboración e xenerosidade.
Pola súa parte, Xavier Castaño, de AGASOL, presentou os obxectivos xerais da asociación e os obxectivos específicos de LibreCon: buscar novas oportunidades de negocio no ámbito do software libre, intercambiar información e potencial entre empresas e entidades e asociacións, e tamén, avanzar un pouco máis na presenza na nosa terra das tecnoloxías abertas.
Arranca LibreCon facendo un chamamento a prol de xuntarmos forzas para a nova revolución tecnolóxica
Compartir Este Artigo
