Hai un par de anos Etermax, a compañía creadora de Apalabrados, estreou un xogo na liña do clásico Trivial Pursuit chamado Preguntados, conseguindo un grande éxito nas súas versións para iOS e Android, chegando incluso a liderar as descargas en España, e agora a súa versión para Windows Phone actualízase con pequenos cambios na súa interface de usuarios, pero cunha importante novidade: agora a aplicación funciona en Windows 10, de xeito que podemos gozar deste xogo en tabletas e ordenadores co último sistema operativo de Microsoft.
Temos así un caso máis na que a actualización de aplicacións móbiles para Windows Phone remata chegando a novos públicos grazas a abrir a porta a equipos de escritorio, incrementando considerablemente o alcance potencial destas aplicacións.
Preguntados é un simple xogo de preguntas e respostas que no seu nome en inglés (Trivia Crack) deixa claro que está inspirado no Trivial Pursuit, xa que está baseado en quendas que rematan cando o usuario falla unha das preguntas con resposta múltiple que actualmente contan cunha grande compoñente social, de xeito que son os propios xogadores os que propoñen novas preguntas, enriquecendo constantemente a aplicación que ten máis de 100.000 preguntas, e que está dispoñible en varias linguas como o inglés, o catalán, o portugués e o español (estando a localización deste título incrementándose paulatinamente).
Xa podemos gozar de Preguntados en Windows 10
Compartir Este Artigo
