No mes de abril entidades como FACUA advertían dunha suba de tarifas de preto de 5 euros aos clientes de Movistar Fusión que consideraban ilegal, por terse anunciado poucos meses antes como con “prezos finais e para sempre”, o que tería valor contractual, e iso levou a que un veciño de Ribadeo, Luís Vieites, optase por utilizar o formulario achegado pola asociación de consumidores para denunciar esta práctica, o que rematou derivándose á Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, que vén de decidir esixir a Telefónica Movistar que respecte os prezos anunciados e devolver o cobrado de máis nun prazo máximo de 30 días.
Cómpre lembrar que actualmente hai unha demanda colectiva en curso sobre esta cuestión, o que non entraría en conflito con esta resolución de Consumo segundo a propia Xunta Arbitral, pero que pode servir de anticipo de cal pode ser o resultado da causa que o pasado venres iniciou o proceso para chamar a preto de 4 millóns de usuarios a sumarse de balde contra Telefónica de España, chamamento que polo momento só atenderon pouco máis de 5 mil usuarios.
Coa demanda colectiva os usuarios que se deron de baixa pola suba de prezos poderán esixir compensacións, mentres que os actuais clientes de Movistar Fusión poderán reclamar a devolución de 5 euros mensuais das súas tarifas.
A Xunta Arbitral de Consumo de Galicia falla contra a suba de tarifas de Movistar Fusión
Compartir Este Artigo
