FACUA esixe que non aplique a suba ilegal de tarifas de Movistar Fusión

xoves, 16 de abril do 2015 Marcus Fernández

Ao anunciar Movistar que triplicaría a velocidade das súas conexións de fibra óptica tamén se deu conta dunha subida de prezo das súas tarifas no contorno dos 5 euros para os seus clientes de Movistar Fusión, e tal detalle non parece ter agradado ás asociacións de consumidores, e FACUA-Consumidores en Acción xa anuncia unha batería de accións contra esta suba de tarifas que considera fraudulenta.
FACUA remitiu a Telefónica un requerimento a Telefónica instando á compañía a anular a suba tarifaria aos clientes actuais e, en caso de non facelo, iniciará actuacións na defensa dos millóns de usuarios afectados, lembrando a asociación que cando Telefónica lanzou Movistar Fusión en 2012 anunciara que “os prezos de Movistar Fusión serán prezos finais e para sempre”, lema que ten valor contractual, o que permitiría que os usuarios puidesen esixir que non se aplique a suba de prezos.
Dende FACUA estiman que o número de clientes afectados sería de 3,7 millóns, de xeito que o cambio de tarifas reportaríalle a Telefónica 18,5 millóns de euros adicionais cada mes, cantidade máis que considerable, que non estaría xustificada. Amais, aseguran que o feito de que Telefónica lembre aos seus usuarios que poden exercer a resolución do seu contrato chamando ao 1004 antes do 5 de maio non sería suficiente para respectar os seus dereitos, xa que os afectados non están obrigados a darse de baixa do seu operador, senón que poden esixir o mantemento das tarifas contratadas.
FACUA tamén lembra que as penalizacións por incumprimento do compromiso de permanencia (que chegan ata os 190 euros) non poderán recaer no usuario, pasando a ser responsabilidade do operador, que é o que incumpre o contrato unilateralmente.

Nas últimas semanas Telefónica está a comunicar aos usuarios de Movistar Fusión a suba de tarifas