Algúns proxectos de micromecenado conseguiron xuntar no seu momento importantes cantidades económicas, sendo un dos referentes actuais o Pebble Time, que superou os 20 millóns de dólares en Kickstarter, pero non todo son as plataformas de crowdfunding, senón que tamén se poden achegar cartos unha vez rematada a campaña que dá sona ao proxecto, como están a demostrar sobradamente os responsables de Star Citizen, xogo sucesor espiritual da clásica serie Wing Commander que en Kickstarter xuntara máis de 2 millóns de dólares, pero que hai ano e medio xa conseguira superar os 44 millóns de dólares en achegas, hai un par de meses chegaron o millón de mecenas e agora podemos ver na súa páxina web que superaron a barreira dos 100 millóns de dólares, xa que en vez de centrar o seu modelo de financiamento na compra do xogo, facilitaron a compra de contidos (como naves) dentro do futuro xogo, o que neste caso está a ser todo un acerto.
Actualmente xa está dispoñible para os mecenas a versión alfa do xogo, que permite acceder por primeira vez aos seus combates, dando así unha visión do que ofrecerá o xogo final. Para poder gozar do xogo nesta fase do seu desenvolvemento é preciso ter adquirido algún dos seus paquetes que parten dos 43,56 euros.
Aínda que a meta máis elevada que tiñan fixado para o financiamento do xogo estaba nos 65 millóns de dólares, agora que se superaron os 100 millóns está claro que o produto xa é un éxito, o que é algo especialmente rechamante se temos en conta que o xogo está lonxe de completarse, demostrando a confianza que o público ten no seu equipo de desenvolvemento. Conseguir mediante o micromecenado un orzamento á altura dunha superprodución cinematográfica ou doutros xogos de grandes estudios é algo que dificilmente poderiamos imaxinar hai uns anos, e demostra que esta industria ten moita cancha fóra do mercado acaparado polas grandes distribuidoras, especialmente agora que é posible entrega o produto final dixitalmente.
Tráiler da última alfa de Star Citizen
