Tras o éxito da primeira edición de BOOM! Film & Comic en marzo de 2015, convocouse unha segunda edición deste festival da cultura popular para os días 13, 14 e 15 de maio, trasladando o encontro á Estación Marítima de Vigo e prometendo máis actividades para que os visitantes poidan participar. Este curioso evento mestura proxeccións de películas (Dragon Ball Z: La resurrección de Freezer), expositores comerciais, un concurso de cosplay, charlas e encontros con debuxantes e autores relacionados co mundo da banda deseñada e a ilustración, e incluso a participación de creadores de contido audiovisual en liña, como son a estudante de Comunicación Audiovisual Violeta Moon, que comparte variadas reflexións a través do vídeo; e o célebre booktuber Sebas G. Mouret, que congrega a máis de 150 mil subscritores ao redor da súa canle literaria en YouTube El Coleccionista de Mundos, e que incluso ousara a experimentar cunha canle de sociolingüística en galego.
Aínda que o programa de BOOM! Film & Comic aínda non está pechado, xa poden adquirirse os billetes para asistir ao encontro que nas vindeiras semanas continuará a anunciar os seus contidos, nos que é posible que tamén haxa unha sección destinada ao lecer electrónico como aconteceu na anterior edición.
ACTUALIZACIÓN: Pois
parece que a suposición de que na vindeira edición de BOOM! Film & Comic
imos ter videoxogos é máis que atinada, e como adianto temos que en
colaboración coa Asociación Freak e Cex Vigo celebrarán no establecemento de
Cex Vigo (na Avda. Camelias, 114) os BOOM! Days, onde se disputarán varios
torneos de videoxogos, agasallándose entre os participantes 8 pases para poder
acceder de balde ao festival da cultura pop.
O día 16 celebrarase o torneo de FIFA 14
(PS4), o día 17 de Street Fighter IV
(Xbox One), o día 22 a Pokken Tournament
(Wii U) e o día 23 a Mortal Kombat X (PS4).

