O vindeiro día 15 no espazo de coworking WeKCo na Avenida Novo Mesoiro da Coruña retoman a actividade os encontros de Betabeers Galicia, que desta volta chegan á súa edición número 26, dando cita a desenvolvedores de aplicacións móbiles e web para compartir coñecementos a través dunha charla técnica e a presentación dalgún proxecto.
Este novo evento, que coincide coa celebración do 4º aniversario de WeKCo, contará como contido principal unha charla técnica de Iván Guardado, desenvolvedor Javascript e Note.js en Audiense, quen falará de Monorail, unha solución desenvolvida na súa actual empresa que se basea no concepto de trens de deploys e de como foron adaptado o seu fluxo de traballo para conseguir que unha tarefa, unha vez finalizada, tarde como moito unha hora en entrar en produción.
Desta volta o proxecto que se presentará tras a charla técnica será o de Barkibu, unha plataforma veterinaria en liña da que dará conta o seu fundador, Pablo Pazos. Barkibu é unha web de consello veterinario totalmente de balde na que os usuarios poden expor as súas dúbidas aos máis de seis mil veterinarios rexistrados en todo o mundo, evitando o desprazamento á clínica veterinaria (aínda que recomendan a visita nos casos máis graves e, de feito, ofrecen unha relación de clínicas próximas á posición do usuario).
Betabeers Galicia volve a semana que vén á Coruña
Compartir Este Artigo

