Coa estrea do vídeo en directo en 360 graos por parte de Facebook queda a dúbida do tipo de solucións tecnolóxicas que facilitarán facer tal con certa facilidade, dando a impresión de que as cámaras como a Insta360 Air, da que falamos hai uns días, van tomar unha relevancia especial, e esta oportunidade pretende aproveitala Giroptic coa súa cámara iO, que é unha solución relativamente económica para realizar vídeo en directo en 360 graos dende trebellos con iOS, que xa acepta pedidos por 249 euros e comezará a remitirse aos seus compradores a mediados do mes de xaneiro.
A compañía detrás desta nova cámara xa trunfara en Kickstarter coa súa 360cam parece acumular experiencia dabondo para ofrecer garantías que outros fabricantes aínda non dan (por ser novatos neste eido) e o bo do novo produto é permitir empregar un iPhone con conector lightning para conectar a cámara con dobre lente para comezar a disparar fotografías en 360 graos, vídeos envolventes e incluso realizar directos, sen ter que contar cun ordenador para intermediar no proceso, facendo que os directos en 360 graos poidan realizarse en case calquera momento e lugar, tendo xa confirmada a compatibilidade cos directos de YouTube (espérase que a compatibilidade con Facebook chegue nos vindeiros meses).
Tecnicamente trátase dun accesorio de 73 x 35 milímetros e 70 gramos de peso que integra 2 obxectivos de 195 graos e apertura f/1.8 que permiten captar unha imaxe completa en todos os ángulos cunha resolución de 3.840 x 1.920 píxeles para imaxes estáticas e 1.920 x 960 píxeles para vídeo, que ao empregar tecnoloxía de cosido en tempo real permite que poida compartirse o contido xerado nas redes sociais ao momento. Aínda que se conecte ao iPhone por lightning, tamén conta cun porto USB para cargar a súa batería de 915 mAh.
Estamos ante unha solución que dista bastante de ter unha calidade óptima, pero que podería ter bastante peso á hora de popularizar os contidos en 360 graos durante 2017.
Giroptic iO, a cámara que leva os directos en 360 graos ao iPhone
Compartir Este Artigo

