En 2016 Nokia pagou 170 millóns de euros para facerse coa compañía francesa Withings, especializada en trebellos de saúde conectados, pero a absorción da marca non resultou tan beneficiosa como se esperaba, polo que un dos fundadores de Withings, Eric Carreel, recomprou a empresa antes do verán, de xeito que o seu novo smartwatch xa chega fóra do paraugas de Nokia Health.
O novo produto de Withings é o smartwatch Steel HR Sport, que como xa dá a entender o seu nome, trátase dun reloxo de pulso conectado e multi-deporte, con sensor cardíaco, que presume dun deseño premium nunha caixa de 40 milímetros de aceiro inoxidable de 316L e resistencia á auga (ata 5 atmosferas). Este accesorio véndese xa por 199,95 euros con esfera en cor branca ou negra e coa posibilidade de engadirlle correas de silicona e coiro que custan 29,95 e 49,95 euros respectivamente.
O reloxo de Withings é bastante curioso, xa que presenta unha esfera analóxica tradicional que integra un par de complicacións, de xeito que, aparte da hora actual, tamén podemos ver a porcentaxe da actividade diaria marcada como obxectivo e información adicional (como pasos, calorías, distancia ou ritmo cardíaco). O Steel HR Sport pode conectarse ao noso smartphone con iOS ou Android, dende o que podemos configurar os nosos obxectivos a través da aplicación Health Mate.
O Steel HR Sport pode rexistrar a nosa actividade en máis de 30 deportes, gardando así tanto a duración dos adestramentos como a súa intensidade (grazas en boa medida ao monitor de ritmo cardíaco). O reloxo, ao conectalo co smartphone, tamén permite rexistrar a posición GPS, o que resulta moi práctico para analizar cando imos camiñar, correr ou andar en bicicleta, quedando os traxectos asociados ao mapa (sen esquecer detalles como a elevación á hora de analizar os adestramentos).
Un dos detalles máis salientables do novo reloxo é a súa autonomía, que chega ata os 25 días, pero que poden incrementarse ata 20 días máis no modo de aforro de enerxía. Ao durar varios días a autonomía, o reloxo pode aproveitarse para analizar o sono do usuario, así como tamén pode empregarse a xeito de espertador silencioso (mediante vibración). Durante o día o reloxo tamén pode aproveitarse para recibir notificacións do móbil, que amosaranse na súa pequena esfera dixital, e que en modelos anteriores limitábase a chamadas, mensaxes de texto e eventos, pero que agora ábrese a practicamente calquera notificación, de xeito que poderemos saber das mesmas sen ter que sacar o teléfono do peto.
Vídeo promocional do novo smartwatch deportivo de Withings

