Durante os últimos anos puidemos ver como Nintendo lanzaba versións mini das súas dúas primeiras grandes consolas domésticas, a NES e a SNES, e o feito de que nesta campaña de Nadal Sony lance a PlayStation Classic, faría que Nintendo puidese tomarse un descanso nesta sucesión de consolas en miniatura, o que podería desesperar a moitos nintendeiros ansiosos por facerse cunha Nintendo 64 mini, que finalmente podería non chegar se atendemos a unha entrevista a Reggie Fils-Aime, máximo responsable da compañía nipoa en EE.UU.
O presidente de Nintendo América confirmaría que a posible Nintendo 64 Classic non estaría dentro dos plans da compañía, asegurando que as dúas primeiras consolas de tamaño reducido foron unha oportunidade especial, que respondía en boa medida a decadencia da Wii U e a emerxencia da Nintendo Switch, pero agora que a Switch está nun magnífico momento, o máis probable é que nos vindeiros anos os xogos clásicos de Ninntendo poidan ofrecerse aos seus seareiros en formato descargable para Nintendo Switch, e non empaquetados nunha pequena consola de colección.
As declaracións de Fils-Aime non quere dicir que non vaiamos ver novas consolas mini de Nintendo no futuro, pero si constatarían que non sería algo que fósemos ver a curto ou medio prazo.
O feito de que a Game Boy vaia cumprir 30 anos en 2019 tamén podería ser unha magnífica oportunidade para comercializar unha consola de tal formato, nun tamaño máis compacto e cunha boa colección de xogos empaquetada e, de feito, xa hai máquinas como a GoRetro! Portable de Retro-Bit (que nun par de semanas chegará ás tendas españolas) aproveitando a demanda do público de máquinas retro en formato portátil.
Non está previsto que a Nintendo 64 vaia ter versión mini
Compartir Este Artigo
