Desvelan a listaxe de xogos que incluirá a PlayStation Classic

luns, 29 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun mes Sony anunciou que de cara ao Nadal vai pór á venda a PlayStation Classic, unha versión mini da PlayStation orixinal que por 99,99 euros incluiría 2 mandos con cable e 20 xogos precargados e, aínda que como obxecto de colección teña o seu aquel, o público quedaba pendente do anuncio dos títulos que incluirá a consola para tomar a decisión de compra, e semella que a relación de xogos final é bastante atinada, polo representativa que resulta de toda unha xeración de consolas.
Inicialmente anticiparan que está consola un 45% máis pequena que a orixinal contraía con Final Fantasy VII, Jumping Flash, Ridge Racer Type 4, Tekken 3 e Wild Arms entre os seus xogos precargados, e agora desvelan os 15 títulos restantes: Battle Arena Toshinden, Cool Boarders 2, Destruction Derby, Grand Theft Auto, Intelligent Qube, Metal Gear Solid, Mr. Driller, Oddworld: Abe’s Oddysee, Rayman, Resident Evil Director’s Cut, Revelations: Persona, Super Puzzle Fighter II Turbo, Syphon Filter, Tom Clancy’s Rainbow Six e Twisted Metal.
O 3 de decembro sairá á venda esta consola que sen dúbida vai ser todo un éxito, aínda que a súa relación de xogos é imposible satisfacer a todos, xa que a primeira PlayStation deixou unha fonda pegada en moitos xogadores, e cadaquén ten os seus xogos favoritos. Así, aínda que títulos como Battle Arena Toshinden, Cool Boarders 2, Grand Theft Auto ou Metal Gear Solid sexan títulos moi representativos, resulta un tanto difícil de comprender ausencias como as de Gran Turismo, Silent Hill, Tomb Raider ou WipEout, aínda que hai que ter en conta que nesta decisión puideron ter un papel importante detalles como os custos das licenzas ou a necesidade de ter que incluír certos xogos menos importantes, pero que contasen coa opción de 2 xogadores para tirar proveito do segundo mando incluído coa consola.

PUBLICIDADE