Dende hai bastantes anos AfterShokz comercializa distintos modelos de auriculares Bluetooth que destacan por transmitir o son ao ouvido mediante vibración ósea, e para facer máis cómoda esta tecnoloxía de cara ao verán están a promover unha campaña de micromecenado para facer realidade as OptiShokz Revvez, unhas lentes de sol que integran auriculares Bluetooth de condución ósea.
As OptiShokz Revvez poden verse como a reinvención das lentes de sol deportivas, que grazas á tecnoloxía de son por transmisión ósea conseguen deixar libre o ouvido mentres estamos en exteriores, de xeito que podemos continuar a escoitar o contorno e así movernos con seguridade á vez que escoitamos música, podcasts ou os contidos sonoros que desexemos.
Este produto que espera entregarse aos mecenas en xuño ten lentes de policarbonato intercambiables (con protección UVB 400), inclúen as últimas tecnoloxías en transmisión ósea de son, comunícanse co noso dispositivo móbiles mediante Bluetooth 5.0 (podendo empregarse tamén para a realización de chamadas en mans libras), gozan dunha batería con ata 6 horas de duración, contan con resistencia á suor e á auga (IP55), os seus transdutores están situados en patillas flexibles para facilitar a súa cómoda colocación detrás das orellas, inclúen distintas pezas de silicona para soster as lentes sobre o nariz do xeito máis axeitado á forma da nosa cara, pesan só 48,5 gramos e neste momento poden conseguirse a un prezo de 99 dólares, que con gastos de envío queda en pouco máis de 100 euros, prezo realmente axustado se temos en conta que os auriculares deportivos de AfterShokz Trekz (os máis básicos da gama) xa teñen un prezo de 99 euros.
Vídeo promocional das OptiShokz Revvez

