A primeiros de maio comezaron as probas en España da plataforma na nube de Microsoft, Project xCloud, que permite gozar de xogos de Xbox One dende dispositivos con Android, sempre que contemos cunha conexión á Rede áxil dabondo, e a impresión que daba este período de probas de balde de que o servizo remataría mesturándose co de Xbox Game Pass era bastante atinada, xa que hoxe mesmo anunciaron que en setembro o Xbox Game Pass Ultimate incluirá acceso a Project xCloud sen custo adicional, facilitando o xogo aos máis de cen xogos do Game Pass dende dispositivos móbiles.
Tamén aproveitaron a ocasión para insistir en detalles como que non forzarán a que os xogadores dean o salto a vindeira xeración de consolas de videoxogos, senón que os títulos de Xbox Game STudios que chegarán nos vindeiros meses funcionarán en Xbox One Series X e en Xbox One, contando incluso con xogo cruzado, de xeito que a migración á vindeira xeración será un proceso pausado que busca evitar a fricción para o xogador.
Outra prestación na mesma dirección é o Smart Delivery, que permite que os xogos compatibles coa funcionalidade poidan adquirirse para unha Xbox actual ou da vindeira xeración e xogarse sen custo adicional en máquinas de calquera das xeracións, evitando así que un usuario teña que mercar o mesmo título dúas veces simplemente por ter actualizado a consola. Os xogos de Microsoft contarán con Smart Delivery, pero tamén grandes títulos como Assassin’s Creed: Valhalla e Cyberpunk 2077; estratexia que fará que moitos xogadores non adíen as súas compras de xogos en previsión da renovación da súa consola de videoxogos.
O xogo na nube de Microsoft sairá de beta en setembro
Compartir Este Artigo

