Microsoft pechou un acordo de adquisición de Activision Blizzard por valor de 69 mil millóns de dólares, quedando pendente a operación da aprobación dos distintos organismos reguladores, resultando bastante sorprendente que o organismo que regula a competencia nos EE.UU., a FTC, decidise opoñerse á operación facendo seus case literalmente os argumentos presentados por Sony, compañía que considera que o fortalecemento de Xbox pode prexudicar a PlayStation.
Os argumentos esgrimidos pola FTC están a ser rexeitados por practicamente todos os axentes do sector (incluíndo o principal sindicato da industria nos EE.UU.), polo que non sorprende a ninguén que a resposta oficial de Microsoft neguen punto por punto todas as acusacións presentadas pola FTC, e incluso manifestan que «dar aos consumidores contido de alta calidade de máis xeitos e a prezos menores é o que as leis de defensa da competencia teñen que promover, non previr», pondo en dúbida as motivacións da FTC.
Microsoft insiste en que a empresa resultante da incorporación de Activision Blizzard en Xbox é positivo para os xogadores, e aínda que se estea a insistir moito na franquía de Call of Duty, eles consideran que o feito de que na compra estea incluído a compañía de xogos para móbiles King é moito máis relevante, xa que permite a Microsoft avanzar no mercado dos xogos para móbiles, abrindo moitas posibilidades.
Sobre Call of Duty deixan claro que non teñen a intención de facer que a franquía pase a ser exclusiva de Xbox, e incluso están a ofrecer acordos a 10 anos vista con PlayStation, Nintendo e Valve. De feito as acusacións de Sony resultan bastante cínicas, xa que a compañía nipoa di que Microsoft podería prexudicalos no futuro a través de Call of Duty, facendo que o xogo ou algún dos seus contidos, non chegase ou chegase máis tarde a PlayStation que a Xbox, pese a que Microsoft está a comprometerse a non facer tal e aproveitan a ocasión para deixar claro que é Sony a compañía que opera así, desvelando que os xogos Final Fantasy VII Remake, Final Fantasy XVI, Silent Hill 2 e Bloodborne nunca poderán chegar a publicarse en Xbox por mor de imposicións contractuais de Sony.
A resposta de Microsoft á FTC tamén nega que a compañía de Redmond mentise ante a Comisión Europea sobre como ía actuar tras a compra de Bethesda (facendo que os xogos Starfield e Redfall non vaian saír para consolas PlayStation) e, de feito, a propia Comisión non considerou que Microsoft enganase nas audiencias sobre esta outra importante adquisición.
Microsoft lembra que incluso tras a compra de Activision Blizzard a compañía seguiría estando nunha terceira posición do sector dos videoxogos, quedando aínda bastante por detrás de PlayStation e Nintendo; e sobre as reticencias sobre o Game Pass, defenden que queren reforzar o servizo para facelo atractivo, asegurando que Sony tamén ten PlayStation Plus, e incluso hai servizos de xogos na nube como Amazon Luna, nVIDIA GeForce NOW e Google Stadia, ou sexa, que estamos ante servizos emerxentes que non destacan precisamente pola falta de competencia.
Confíase en que o procedemento xudicial contra a operación sexa rápido, pois está previsto que a adquisición de Activision Blizzard poida completarse en xuño de 2023.
Microsoft nega as acusacións da FTC relativas á compra de Activision Blizzard
Compartir Este Artigo

