O salón de plenos do Consello Económico e Social acollerá o vindeiro mércores ás 11.00 unha xornada técnica organizada en colaboración entre a Unión de Consumidores de Galicia, a Asociación de Internautas e ADECES na que destacados xuristas especializados no sector tecnolóxico abordarán as novidades que supón a nova Lei de Mercados Dixitais (DMA) e as vantaxes que vai supoñer aos consumidores europeos, a través do fomento da competencia no mercado das plataformas dixitais por medio da liberdade na configuración de aplicacións en dispositivos e servizos, ou a prohibición de levar a cabo rastrexo de datos non consentidos.
Do mesmo xeito abordarán unha análise da Lei de Servizos Dixitais (DSA), en especial do réxime de obrigacións que se impoñen a plataformas e prestadores de servizos dixitais para poder operar e poñer no mercado os seus produtos.
Na xornada participarán relatoras de primeiro nivel como, a avogada, xurista e profesora Ofelia Tejerina (presidenta da Asociación de Internautas) que abordará o debate sobre a contribución das grandes plataformas ao financiamento das infraestruturas nas que basean os seus servizos e á cales nada achegan; Víctor Salgado (avogado especialista en TIC) quen abordará os principais cambios na regulación da rede que a DSA e a DMA traen consigo; Carmen Rodriguez (presidenta de ADECES) quen analizará o impacto na cidadanía de ambas as leis; e María Maciñeiras (avogada e directiva da UCGAL) que falará do reforzo dos dereitos dos usuarios que introducen ambas as leis.
A xornada será moderada por Miguel Vieito Villar, avogado especialista en saúde, ética e novas tecnoloxías, colaborador habitual de Unión de Consumidores de Galicia. A asistencia, presencial e por streaming, é libre e de balde, sendo precisa a inscrición previa vía web.
PROGRAMA DA XORNADA
11:00 – Inauguración e benvida por parte do condutor da xornada, Miguel Vieito Villar.
11:10 – A Lei de Servizos dixitais e os dereitos dos cidadáns europeos – Carmen Rodriguez, presidenta Asociación pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES).
11:30 – O reforzo na DSA dos dereitos dos usuarios – Maria Devesa Maciñeiras, avogada e directiva de UCGAL.
11:50 – Preguntas
12:00 – O novo paradigma da DSA e a DMA na regulación da Rede: cambios principais – Víctor Salgado Seguín, avogado TIC e cofundador do Bufete Pintos & Salgado.
12:20 – O financiamento das redes para a adaptación aos novos servizos dixitais – Ofelia Tejerina Rodríguez, presidenta da Asociación Internautas.
12:40 – Preguntas
12:50 – Conclusións da Xornada.

