Hai preto de 3 anos chegou á Audiencia Provincial da Coruña o contencioso entre LaLiga, Mediapro e o creador da páxina web galega Rojadirecta, solicitando a fiscalía 4 anos de cadea para o creador de Rojadirecta, Igor Seoane, e penas de entre 2 anos e 3 meses para os seus colaboradores, así como o cesamento da actividade de Rojadirecta, mentres que a acusación solicitaba unha pena de 6 anos para Seoane e unha multa de seis millóns de euros.
Agora escríbese un novo episodio dunha persecución xudicial contra Rojadirecta (da que xa dabamos conta en 2007) que agora reflicte a sanción máis alta fixada en España por piratear fútbol, xa que o Xulgado Mercantil nº 2 da Coruña fixou a indemnización que terán que satisfacer a empresa Puerto 80 e o seu administrador, Igor Seoane, nun total de 31,6 millóns de euros (dos que a metade recaerían persoalmente en Seoane como administrador solidario), para resarcir os danos e prexuízos ocasionados a Mediapro pola emisión de partidos de LaLiga. Esta cantidade sería a que Puerto 80 tería que ter pagado para ter acceso ao sinal subministrado aos seus usuarios.
Rojadirecta facilitaba o acceso a retransmisións deportivas a través de ligazóns, obtendo ingresos millonarios a través da publicidade (informes periciais de 2022 evidenciaron ingresos de máis de 11 millóns de euros nunha das contas da sociedade).
Cómpre salientar que a sanción que vén de darse a coñecer corresponde a un proceso civil, o proceso penal iniciado hai preto de 3 anos continúa en curso. Tampouco debemos esquecer o feito de que a páxina web de Rojadirecta continúa a operar con total normalidade para usuarios que se conectan dende fóra de España (ou para os que empregan unha VPN para eludir as restricións xeográficas).
Valoran en 31,5 millóns de euros os danos e prexuízos causados por Rojadirecta
Compartir Este Artigo

