Desenvolvido como sucesor espiritual do mítico Patapon, Ratatan aposta por unha mestura de acción rítmica, estética delirante e estrutura roguelike, conseguindo unha proposta tan estraña como fascinante que está a evolucionar a bo ritmo para converterse nun produto final ao longo do presente ano.
A diferenza do seu predecesor de PSP, en Ratatan os protagonistas non son os adorables Patapons, senón os Ratatans, seres animaloides cun só ollo e cheos de carisma. Estes líderes transmiten ordes ao seu escuadrón de Cobun, pequenas unidades de combate que executan accións como atacar, defenderse ou reagruparse ao ritmo das pulsacións.
A proposta mantén a esencia da serie orixinal, mais evoluciona e amplía a fórmula. Cada Ratatan conta cunha combinación distinta de Cobun (algúns especializados no corpo a corpo, outros no ataque a distancia) e con opcións para mellorar o seu equipo mediante a compra ou fabricación de armas. Estas posibilidades de personalización engaden unha capa estratéxica que cobra máis sentido nun contexto roguelike, onde cada partida implica a exploración dun portal cheo de inimigos, potenciadores e loitas contra xefes finais.
O xogo chegará a finais de ano a PC, Nintendo Switch, PS4, PS5 e Xbox Series X|S, pero para os usuarios de PC hai unha boa nova, xa que en Steam, onde está xa dispoñible unha versión de demostración do xogo, veñen de anunciar que o vindeiro 19 de setembro lanzarán o xogo en acceso anticipado, de xeito que os máis entusiastas deste curioso xénero poderá xa gozar dunha versión moi avanzada de Ratatan.
Así se deixou ver Ratatan durante o Summer Game Fest

