
Grand Theft Auto VI xa está dispoñible en Nova Zelandia desde as 12:00 horas, polo que xa podemos considerar o xogo como lanzado (especialmente porque os usuarios de consolas Xbox só teñen que mudar a rexión da súa máquina para poder gozar do título). O esperado lanzamento de Rockstar Games comeza así a materializarse despois de trece anos de espera desde a chegada de Grand Theft Auto V, cunha recepción inicial extraordinaria por parte da prensa especializada.
As primeiras valoracións sitúan o xogo nunha posición excepcional. Na versión para PlayStation 5, Metacritic outórgalle unha puntuación de 99 sobre 100, resultado de 109 críticas profesionais, todas elas positivas no momento de consultar o agregador. Trátase das mellores cualificacións acadadas por un videoxogo na plataforma, que clasifica a recepción como aclamación universal, colocándose á altura do The Legend of Zelda: Ocarina of Time para Nintendo 64 e Baldur’s Gate 3 para Xbox Series X|S..
A prensa española tamén está a recibir o novo título con entusiasmo. As primeiras análises publicadas por MeriStation, Vandal e Areajugones coinciden en concederlle un 10 sobre 10, aínda que cada publicación destaca diferentes aspectos da experiencia.
MeriStation considera que Rockstar conseguiu compensar os trece anos transcorridos desde a anterior entrega cun videoxogo chamado a marcar época. David Arroyo destaca a dimensión da aventura, a evolución narrativa e o traballo realizado para construír un mundo aberto no que os acontecementos e os personaxes secundarios contribúen a transmitir unha sensación de actividade constante. A publicación tamén salienta a calidade da historia e o protagonismo de Lucía e Jason, aínda que apunta certas irregularidades no control e algunhas limitacións no ritmo dalgúns momentos da campaña.
Vandal tamén lle concede a máxima puntuación e presenta GTA VI como unha obra mestra que leva os mundos abertos a outro nivel. Saúl González destaca especialmente a construción de Leonida, o territorio ficticio no que transcorre a aventura, e a maneira na que milleiros de acontecementos aparentemente independentes se relacionan para crear un ecosistema coherente. A historia dos dous protagonistas, o apartado técnico e a liberdade de acción figuran entre os seus principais argumentos, cunha única reserva destacada para o funcionamento do sixilo.

Areajugones coincide na valoración de 10 sobre 10 e pon o foco na evolución narrativa da saga. Juan Linares considera que a historia de Lucía e Jason consegue levar a franquía a un novo nivel, cunha aproximación máis próxima á de Red Dead Redemption 2 que á de GTA V. Tamén eloxia a variedade de actividades dispoñibles en Vice City, as posibilidades de personalización dos vehículos e das armas, a intelixencia artificial policial e unha banda sonora que considera das mellores da historia da serie.
As publicacións internacionais reforzan esta recepción. The Verge, nunha análise asinada por Andrew Webster, considera que Rockstar conseguiu superar unhas expectativas extraordinariamente elevadas. Despois de case 80 horas de xogo, o xornalista destaca a combinación entre a liberdade de acción de GTA V e o nivel de inmersión de Red Dead Redemption 2, así como a madurez da historia protagonizada por Lucía e Jason.
Windows Central tamén se mostra especialmente entusiasta, destacando a simulación da actividade criminal, a capacidade narrativa e o nivel de detalle do mundo aberto. A publicación considera que o resultado podería situarse entre os mellores videoxogos da historia e non identifica ningún inconveniente destacable na súa experiencia.
Game Informer, pola súa banda, pon o acento na capacidade de Rockstar para integrar a enorme variedade de actividades, misións, personaxes e recursos visuais nun mundo que resulta coherente e crible. A análise destaca especialmente a atención aos pequenos detalles da vida cotiá en Leonida, desde as actividades recreativas ata os acontecementos inesperados que se producen mentres o xogador percorre o territorio.
A chegada de Grand Theft Auto VI prodúcese inicialmente en PlayStation 5 e Xbox Series X|S. A versión para PC tardará meses en chegar, aínda que hai rumores a que tal lanzamento podería ser moito antes que con GTA V, xa que existe o risco de que trasladen o xogo de consola a PC con axuda da IA, o que tería un impacto moi negativo na comercialización do xogo.
O xogo sitúa a súa historia en Leonida, unha recreación ficticia de Florida, coa Vice City como principal escenario urbano, e segue as peripecias de Lucía Caminos e Jason Duval, unha parella de delincuentes que lembra a Bonnie e Clyde.
