Microsoft anunciou unha profunda evolución de Windows 11, coa intención de converter cada ordenador nun PC con IA. A través dunha serie de actualizacións, o sistema operativo integra de forma nativa o asistente Copilot, que agora pode interactuar por voz, analizar o que aparece na pantalla e realizar accións directas sobre ficheiros locais. A empresa define esta nova etapa como un cambio de paradigma, comparable á introdución do rato ou o teclado, e aposta por unha experiencia máis natural, conversacional e proactiva.
Entre as novidades máis destacadas está o comando Hey Copilot, que permite iniciar unha conversa co asistente sen necesidade de escribir. Tamén se presenta Copilot Vision, unha funcionalidade que analiza o contido da pantalla para ofrecer axuda contextual, orientación paso a paso ou recomendacións personalizadas. Ademais, Copilot Actions permite que o asistente realice tarefas sobre documentos e imaxes almacenadas no dispositivo, como organizar fotos ou extraer información dun PDF, todo coa supervisión do usuario.
A integración con servizos como OneDrive, Outlook, Gmail ou Google Calendar permite recuperar contidos persoais mediante linguaxe natural, e agora tamén é posible exportar directamente os resultados das interaccións a Word, Excel ou PowerPoint. No ámbito do entretemento, Microsoft introduciu Gaming Copilot, un asistente que ofrece axuda mentres se xoga, especialmente en dispositivos como o ROG Xbox Ally.
Porén, estas funcionalidades non están dispoñibles de forma completa na Unión Europea. A pesar de que Copilot está presente en Windows 11, moitas das capacidades máis avanzadas (como a análise de pantalla, as accións automatizadas ou a integración con servizos externos) están desactivadas ou limitadas por defecto nos países europeos.
Microsoft asegura que está a traballar para adaptar estas experiencias ao marco legal europeo, pero non ofreceu datas concretas para a súa dispoñibilidade. Mentres tanto, os usuarios da UE só podemos acceder a versións parciais das novas capacidades, polo que a revolución da IA en Windows 11 está en marcha, pero toca agardar.
Vídeo promocional do novo control por voz de Windows 11 mediante Copilot
