Apple realizou unha das maiores revisións de prezos do seu catálogo en anos, nun movemento que afecta simultaneamente a todos os mercados onde opera. A actualización chegou tras unha breve caída da Apple Store e confirma o que a compañía xa advertira:
A compañía de Cupertino explica que a demanda procedente dos centros de datos de intelixencia artificial disparou o custo dos chips DRAM e NAND, que se multiplicaron por catro no último ano. A presión sobre estes compoñentes, clave en ordenadores e tabletas, levou a Apple a revisar ao alza os prezos de practicamente todas as súas gamas, agás o iPhone, que polo momento permanece sen cambios (probablemente porque están á espera de lanzar novos modelos en setembro).
Cómpre lembrar que as subas de prezos aplícanse xa mesmo aos produtos vendidos directamente por Apple, pero é posible que durante os vindeiros días sexa posible atopar produtos cos prezos anteriores a través doutros vendedores (ata esgotar existencias de unidades mercadas previamente).
Os Mac protagonizan os incrementos máis contundentes
A nova listaxe de prezos deixa subas significativas nos portátiles e sobremesas. De saída o MacBook Air de 13 polgadas pasa de 1.199 a 1.429 euros, mentres que o modelo de 15 polgadas sobe de 1.499 a 1.729 euros. O MacBook Pro de 14 polgadas con chip M5 sitúase agora en 2.229 euros fronte aos 1.929 anteriores, e as configuracións máis avanzadas, como o M5 Max, superan xa os 5.000 euros.
Nos equipos de sobremesa, o Mac Studio con chip M3 Ultra é o caso máis extremo: pasa de 4.849 a 6.349 euros, un incremento do 31 %. O iMac tamén se actualiza, situándose en 1.819 euros fronte aos 1.519 previos.
No caso do Mac mini, o baile de prezos parece querer disimular a suba, xa que o Mac mini de 256 GB, que custaba 719 euros e estaba actualmente destacalogado, pasa a venderse por 969 euros, prezo que tiña o modelo con 512 GB, que agora custa 1.189 euros, ou sexa, que tivemos incrementos de prezo do 34 % no modelo de entrada e do 21 % no modelo seguinte.
A gama iPad tamén se encarece de forma xeneralizada
Ningún modelo de iPad queda fóra da revisión. O iPad básico, que custaba 379 euros, pasa a 499 euros, converténdose no dispositivo con maior incremento porcentual (+32 %). Os iPad Air e iPad Pro tamén experimentan subas de entre 150 e 200 euros segundo a configuración, consolidando unha tendencia que xa se anticipaba pola dependencia destes modelos de compoñentes de memoria de alta capacidade.
HomePod e Apple TV 4K seguen a mesma tendencia
Os produtos de fogar tamén se ven afectados. O HomePod pasa de 349 a 399 euros, mentres que o HomePod mini sobe ata os 139 euros. O Apple TV 4K é o dispositivo con maior salto porcentual nesta categoría: de 169 a 229 euros, un incremento do 36 %.
