
A XGN Intermax volverá unir as novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital do 9 ao 11 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca. Será a 26ª edición desta cita, que é a maior LANparty de Galicia e reúne cada ano a centos de profesionais e seareiros da informática e do eido gamer.
O evento contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para inscritos desde o día 9 ata o 11 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 8 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet, poderase acceder o 9 e 10 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.

Formación, aprendizaxe, entretemento e intercambio de ideas uniranse unha vez máis nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta festa informática, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial da operadora galega Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto en 2024, os participantes poderán navegar por terceira vez a unha velocidade de ata 40 Gbps.
Segundo confirmou a organización, a cita tecnolóxica volverá contado cun programa moi variado tanto para inscritos como para visitantes, con competicións, obradoiros e conferencias centrados en novas tecnoloxías, intelixencia artificial ou gaming. Ademais, haberá interesantes actividades máis aló da pantalla, con divertidas propostas de xogos e deportes.
