
En materia de turismo, Galicia quere ser algo máis que natureza, gastronomía ou o Camiño de Santiago. Nos últimos anos, a nosa comunidade consolidouse, tamén, como un dos grandes referentes da música en directo no sur de Europa grazas a un modelo singular: os Concertos do Xacobeo, o programa impulsado pola Xunta de Galicia que converte cada ano centos de escenarios, desde grandes cidades ata pequenas vilas, dende xaneiro a decembro, nunha rede cultural capaz de atraer a máis de 1,5 millóns de espectadores. O programa destaca tamén por abranguer toda a xeografía galega, pola súa axenda diversa e aberta a todos os públicos e estilos musicais e por reunir artistas internacionais, grandes figuras nacionais e unha importante presenza de talento galego.

Tras un primeiro semestre no que Galicia acolleu algunhas das grandes citas do panorama musical español (como o Resurrection Fest ou O Son do Camiño), a programación encara nesta segunda metade de 2026, xa a partir de agosto, un dos momentos máis intensos do ano. Durante cinco meses, festivais consolidados, ciclos especializados e concertos en espazos patrimoniais continúan levando actividade cultural a decenas de municipios, prolongando a chegada de visitantes máis aló da tempada alta e favorecendo a desestacionalización do turismo, ademais de dinamizar á poboación autóctona cunha oferta atractiva e da mellor calidade.

O calendario arrinca coa celebración dunha nova edición do SonRías Baixas, en Bueu, unha das grandes referencias do verán galego, que volve converter as Lagoas nun punto de encontro para miles de persoas arredor da música independente.
Ao mesmo tempo, a programación esténdese por toda a costa atlántica con propostas tan singulares como o Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que transforma a illa de San Simón nun escenario único, ou o Noia Harp Fest, unha cita internacional que sitúa Galicia como referente internacional da música de arpa.

A primeira semana de agosto exemplifica perfectamente a diversidade que define os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Mentres o Galicia Clarinet Fest, en Lalín, reúne estudantes, mestres e intérpretes de distintos países arredor da música clásica e contemporánea, A Coruña celebra unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, a 39ª, convertendo praias e espazos urbanos nun gran escenario ao aire libre con acceso gratuíto para milleiros de asistentes.
Tamén durante estas semanas continúa a intensa actividade de Costa Feira, en Sanxenxo, que reúne algunhas das principais figuras da música latina e do pop internacional; o ciclo Orballo Cultural, que segue levando concertos a diferentes localidades galegas; ou a programación do Náutico de San Vicente, no Grove, convertido xa nun dos espazos máis recoñecidos de toda España para a música en directo pola súa proposta íntima e pola calidade dos artistas que pasan cada temporada polo seu escenario.

Un dos grandes valores do programa reside precisamente nesa capacidade para combinar formatos moi diferentes. Grandes festivais capaces de atraer decenas de miles de persoas conviven con ciclos de pequeno formato, propostas familiares, concertos en espazos históricos, iniciativas vinculadas ao patrimonio natural ou encontros especializados que enriquecen a oferta cultural galega e amplían o perfil dos visitantes.
O impacto económico

Dende a Xunta destacan que a diversidade do programa tradúcese tamén nun importante impacto económico, de feito cada concerto activa unha ampla cadea de valor na que participan establecementos hostaleiros, hoteis, empresas de transporte, comercio local, servizos técnicos, produtoras, profesionais da comunicación e múltiples empresas auxiliares. Outro dos puntos fortes do programa é a súa capacidade para reforzar a imaxe de Galicia como un destino moderno, creativo e aberto ao mundo: un destino que reivindica ademais o potencial da súa paisaxe e o seu patrimonio (con concertos en praias, illas, espazos patrimoniais, pazos, auditorios ou prazas históricas).
A programación continúa ao longo de agosto con novas citas que se enmarcan na dita filosofía, mantendo a actividade cultural sen interrupción e convertendo Galicia nun dos territorios europeos con maior concentración de festivais e concertos durante o verán.

A finais de agosto, o protagonismo recae sobre unha das citas máis consolidadas da programación estival: o Río Verbena Fest, que converte Pontevedra nun punto de encontro para milleiros de afeccionados ao indie, ao pop e ao rock estatal. Co paso das edicións, o festival consolidouse como unha das grandes referencias do verán galego, atraendo un público diverso e xerando un importante impacto na hostalaría, no comercio e nos establecementos turísticos da cidade.
Poucos días despois, a programación continúa con festivais que representan á perfección a identidade plural dos Concertos do Xacobeo. O Revenidas, en Vilaxoán de Arousa, combina música, cultura mariñeira e compromiso social nun formato único que forma parte da identidade cultural das Rías Baixas. Ao mesmo tempo, propostas como Recorda Fest, na Coruña, continúan reforzando a posición da cidade como unha das grandes capitais musicais do noroeste peninsular, reunindo artistas de primeiro nivel nun evento que medra edición tras edición.

Setembro mantén esa intensa actividade cun calendario no que conviven grandes festivais urbanos e iniciativas de carácter máis especializado. O Caudal Fest, en Lugo, reafirma a posición da cidade como unha das referencias da música en directo en Galicia grazas a un cartel capaz de atraer visitantes procedentes de toda España. Pola súa banda, WOS Festival, en Santiago de Compostela, continúa proxectando internacionalmente a imaxe dunha Galicia innovadora e vangardista a través das músicas electrónicas e da creación contemporánea, converténdose nun dos encontros culturais máis recoñecidos do seu ámbito en Europa.
Nesas mesmas datas, a programación chega tamén a outros escenarios singulares a través de ciclos como Son & Mar, que continúa vinculando música electrónica, remember ou urbana e patrimonio litoral; Pulsacións Sonoras, que aposta por formatos de proximidade; ou novas citas de Orballo Cultural, reafirmando a vocación descentralizadora dun programa que entende que o acceso á cultura debe chegar a todo o territorio.

Coa chegada do outono, lonxe de diminuír, a actividade musical mantense con propostas que prolongan a vida cultural das cidades e vilas galegas. O festival Maré, en Santiago de Compostela, converte a capital galega nun punto de encontro para as músicas de raíz e as creacións chegadas de diferentes culturas do mundo, reforzando unha das liñas estratéxicas dos Concertos do Xacobeo: promover o diálogo entre tradición e contemporaneidade.
Nos últimos meses do ano, o calendario continúa con iniciativas como o ciclo Underfest Xacobeo, en Vigo, que consolida a cidade como unha referencia para os públicos interesados nas novas tendencias da música internacional. O festival destaca por ofrecer unha experiencia próxima, distribuída por diferentes espazos urbanos e cunha programación que combina artistas emerxentes e nomes xa consolidados da escena independente.

Tamén Coruña Sounds contribúe a estender a actividade musical máis alá da tempada estival, cunha programación que leva á cidade grandes concertos de artistas nacionais e internacionais, fortalecendo o papel da Coruña como unha das principais capitais musicais do país e ampliando o impacto económico do sector cultural durante boa parte do ano.
Deste xeito, o calendario de Concertos do Xacobeo no que resta de ano reunirá algunhas das figuras máis relevantes da música nacional, internacional e galega, como bandas e artistas como Echo & The Bunnymen, Bomba Estéreo, Dorian, Dani Fernández, Viva Suecia, Arde Bogotá, Carolina Durante, Love of Lesbian, Sen Senra, Baiuca, Judeline, Rusowsky, Luz Casal ou Hoodoo Gurus, confirmando a diversidade estilística e a excelencia artística que caracterizan ao programa impulsado pola Xunta de Galicia, cunha oferta que abrangue desde o indie, o rock e o pop ata a música electrónica, a urbana, o folk, a clásica ou os sons de raíz.
1,5 millóns de asistentes cada ano

Con máis de 1,5 millóns de asistentes cada ano, máis de 185 eventos repartidos en máis de 75 localidades e unha capacidade demostrada para atraer visitantes de dentro e de fóra de Galicia, os Concertos do Xacobeo continúan consolidando a comunidade como un dos grandes destinos para a música en directo. Un proxecto que confirma que a cultura non só emociona e crea experiencias para lembrar, senón que tamén impulsa o territorio, fortalece o tecido económico e proxecta a imaxe dunha Galicia dinámica, contemporánea e conectada co mundo.
