
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña será o anfitrión da terceira edición do Congreso Internacional Solar MHD (Solar Magnetohydrodynamics), un encontro científico de referencia que reunirá na Coruña a persoal investigador de todo o mundo durante a semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómeno astronómico excepcional que converterá a España nun dos principais escenarios internacionais para a observación do Sol.
O congreso, dirixido localmente por Manuel González Penedo, director do CITIC, dará continuidade a unha iniciativa internacional que comezou en Reino Unido en 2022 e celebrou a súa segunda edición en Tenerife en 2024. Á súa vez, esta serie de encontros ten a súa orixe nas reunións Reino Unido-Ucraína-España sobre Física Solar e Ciencia Espacial, que durante anos reuniron a especialistas internacionais en Ucraína, unha tradición que se viu interrompida pola invasión rusa.
Con esta terceira edición, a comunidade científica mantén vivo “un foro de colaboración internacional necesario para impulsar o coñecemento sobre a física solar e fortalecer as redes de investigación entre grupos de distintos países”, segundo informou o CITIC.
Comprender mellor o funcionamento do Sol
O centro da UDC explica que “o principal obxectivo do congreso é favorecer o intercambio de coñecementos entre investigadores que estudan a atmosfera solar mediante simulacións magnetohidrodinámicas e observacións de alta precisión”.
A magnetohidrodinámica é a disciplina que analiza o comportamento dos plasmas —o estado no que se atopa a materia que compón o Sol— baixo a influencia dos campos magnéticos, unha ferramenta esencial para comprender fenómenos como as erupcións solares, a formación da coroa ou o vento solar.
Durante varias xornadas, especialistas internacionais debaterán sobre algúns dos retos científicos máis relevantes deste eido, como a conexión entre as observacións realizadas durante as eclipses e as simulacións numéricas, o emprego de intelixencia artificial e técnicas de machine learning para analizar grandes volumes de datos, o estudo de ondas, turbulencias e reconexión magnética, os modelos avanzados de plasmas e as novas xeracións de simulacións MHD aplicadas tanto ao Sol como a outras estrelas.
A conferencia tamén abordará as técnicas máis innovadoras para medir o magnetismo solar e dedicará sesións prácticas á utilización de ferramentas computacionais e códigos numéricos de última xeración, favorecendo a colaboración entre grupos de investigación e o desenvolvemento de futuros proxectos internacionais.
A eclipse solar, unha oportunidade científica única
A celebración do congreso coincidirá coa semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, unha circunstancia que segundo informou o CITIC “converte esta edición en especialmente relevante”, xa que “as eclipses constitúen unha oportunidade excepcional para observar a coroa solar, a capa máis externa da atmosfera do Sol, cuxa estrutura e dinámica continúan sendo obxecto de intensas investigacións”.
A coincidencia entre este fenómeno astronómico e a reunión científica permitirá reforzar a relación entre as observacións obtidas durante a eclipse e as simulacións numéricas máis avanzadas, contribuíndo a mellorar os modelos tridimensionais que explican o comportamento da atmosfera solar, engadiu o CITIC.
Unha cita con vocación internacional
Solar MHD 2026 contará coa participación de estudantes de doutoramento, persoal investigador nas primeiras etapas da súa carreira e científicos de recoñecido prestixio internacional procedentes de universidades e centros de investigación de Europa, Estados Unidos e Asia, consolidando o carácter global dun encontro que nas súas anteriores edicións reuniu a especialistas dalgúns dos principais grupos de investigación en física solar do mundo.
A organización científica está integrada por expertos de institucións de referencia internacionais, mentres que o comité organizador local reúne a investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), a Universidade da Coruña, a Universidad de La Laguna (ULL) e o CITIC.
