
A aplicación multiplataforma de ditado Wispr Flow ampliou as súas capacidades con Notetaker, un asistente baseado en intelixencia artificial para transcribir, resumir e analizar reunións. Trátase do primeiro produto da empresa máis aló do ditado de texto e xa está dispoñible para macOS, mentres que a versión para Windows atópase en desenvolvemento.
Wispr Flow consolidouse como unha das ferramentas de referencia para converter a voz en texto (que funciona en máis dun cento de idiomas entre os que figura o galego), permitindo redactar mensaxes, correos electrónicos ou documentos mediante ditado. Ata o momento, a aplicación limitábase a transformar a fala en texto ben estruturado, pero agora incorpora unha nova función centrada na produtividade durante reunións.
Notetaker intégrase directamente na interface de Wispr Flow e aproveita información procedente do calendario, aplicacións conectadas como Slack e o dicionario personalizado do usuario para comprender mellor o contexto de cada conversa. Segundo explica o conselleiro delegado e cofundador de Wispr, Tanay Kothari, o verdadeiro valor non reside na transcrición en si, senón na capacidade para extraer con precisión decisións, tarefas pendentes, datas clave e outros elementos relevantes das reunións.
Antes de cada encontro, a ferramenta prepara un resumo co contexto necesario recompilando información das notas do usuario e da web, indicando sempre a orixe de cada dato. Durante a reunión ofrece unha transcrición en tempo real para facilitar a consulta inmediata do que se está a comentar.
Unha vez rematada a sesión, Notetaker procesa de novo a gravación incorporando toda a información contextual recompilada, o que, segundo Wispr Flow, mellora a calidade da transcrición final e dos resumos xerados. O sistema tamén identifica decisións, accións asignadas e datas relevantes.
Os usuarios poden posteriormente realizar consultas sobre o historial completo das súas reunións. As respostas inclúen ligazóns ao momento exacto no que se tratou cada asunto, e a ferramenta é capaz de resumir partes dunha reunión que o usuario non puido seguir ou ás que non prestou atención.
O uso do dicionario personalizado permite mellorar a precisión na identificación de nomes propios, acrónimos ou produtos específicos. Ademais, a información procedente do calendario e das aplicacións conectadas facilita a atribución automática das intervencións aos distintos participantes, unha función especialmente útil en reunións numerosas.
Wispr Flow destaca tamén que Notetaker non se incorpora ás videoconferencias como un participante adicional, unha práctica habitual noutros asistentes deste tipo. Pola contra, realiza a transcrición directamente no dispositivo do usuario, evitando a presenza dun bot na lista de asistentes.
A ferramenta é compatible con plataformas como Zoom, Google Meet, Microsoft Teams e as reunións de audio de Slack. Tamén ofrece compatibilidade co protocolo MCP, o que permite enviar transcricións, resumos e notas a asistentes como Claude, ChatGPT ou fluxos de traballo personalizados.
