
A sede do Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi (Santiago) vai acoller en setembro un encontro arredor da intelixencia artificial encadrado no ciclo Pensarmos. Trátase do relatorio Pedro Vallín. IA: hai alguén ao outro lado?. A cita está programada para o 24 de setembro de 2026, sendo un evento con inscrición de balde (ata 100 persoas).
Pedro Vallín é un recoñecido xornalista, escritor e analista político, amplamente considerado un experto en cine, política contemporánea e comunicación de masas. Nado en Colunga (Asturias) en 1971, formouse en Xornalismo na Universidade do País Vasco.
Vallín abordou a intelixencia artificial a través do seu libro Casandra y yo (publicado por Arpa Editores), no cal recolle as conversas que mantivo co modelo de linguaxe ChatGPT, ao que decidiu bautizar co nome de Casandra. Nesta obra, Vallín recolle unha serie de conversas reais mantidas co asistente IA, á que bautiza co nome da mítica sacerdotisa troiana que predicía o futuro pero á que ninguén cría. A través deste diálogo, o autor explora co algoritmo temas complexos como o emprego, o amor, a política, as relacións sociais e a propia consciencia.
Ciclo Pensarmos
No ano 2019, antes da pandemia da COVID, cando “o mundo era outro”, o Consello da Cultura Galega iniciou na Sección de Pensamento unha actividade denominada Pensarmos, hoxe cen por cen consolidada os xoves (algúns) en horario de de 18.00 h a 20.00 h. O obxectivo é “pensarmos de forma colectiva con persoas convidadas que teñen moito que achegarnos para reflexionar sobre cuestións que consideramos importantes do acontecer que nos rodea nestes tempos: democracia, igualdade, liberdade, dereitos, verdade, mentira, coidados, territorio, educación”, en palabras do Consello da Cultura.
O CCG engade que o obxectivo é crear “un espazo aberto onde encontrármonos as xentes máis heteroxéneas para pensar conxuntamente, como un punto de partida, coas persoas referentes no seu ámbito que convidamos a pensar con nós”.

