
O Centro GaiásTech (Cidade da Cultura de Santiago) vai comezar setembro cunha xornada sobre o proxecto dos xemelgos dixitais da Xunta de Galicia. Será o día 8 en horario de mañá, de 9.30 a 14.00 horas. Desenvolverase baixo o epígrafe Estado, avances e problemáticas na implementación de xemelgos dixitais. Organiza a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Esta xornada forma parte das actividades do proxecto Aceleración de Ecosistemas de Emprendemento e Innovación Baseados en Xemelgos Dixitais, encadrado no Programa de Redes Territoriales de Especialización Tecnológica (Retech).
Este encontro, que se desenvolverá en formato híbrido dende o espazo GaiásTech na Cidade da Cultura, abordará cun enfoque eminentemente práctico as posibilidades dos xemelgos dixitais na xestión do territorio. O foro servirá como espazo de análise sobre a aplicación de casos reais, a avaliación da madurez tecnolóxica dos proxectos actuais e a resolución de desafíos técnicos clave como a integración de datos e a interoperabilidade, trazando de xeito estratéxico a transición dos proxectos piloto de carácter rexional cara a infraestruturas públicas consolidadas.
O programa será definido en vindeiras datas. A xornada está dirixida a empresas tecnolóxicas e consultoras; pemes e grandes empresas con proxectos de dixitalización, IoT, IA ou análise de datos; administracións públicas e entidades vinculadas á xestión do territorio, infraestruturas e servizos públicos; responsables de innovación, transformación dixital, Cidades e Territorios Intelixentes; e profesionais especializados en datos, GIS, IoT, telecomunicacións…

